O BNG de Coirós volve insistir na mellora da seguranza viaria no cruzamento de Queirís logo dun novo accidente

Pura Ferreño, ironizaba ao preguntar “cantos accidentes máis teñen que ocorrer para que o Estado considere este punto como de alta sinistralidade e poña, dunha vez por todas, unha solución a un problema que levamos anos padecendo?”
O BNG de Coirós volve insistir na mellora da seguranza viaria no cruzamento de Queirís logo dun novo accidente

Coirós, a 14  de xaneiro de 2025. Logo do accidente de tráfico ocorrido a finais da semana pasada, o BNG de Coirós volveu insistir na necesidade de executar o proxecto paralizado sine die polo Estado da rotonda no cruzamento de Queirís.

A voceira nacionalista, Pura Ferreño, ironizaba ao preguntar “cantos accidentes máis teñen que ocorrer para que o Estado considere este punto como de alta sinistralidade e poña, dunha vez por todas, unha solución a un problema que levamos anos padecendo?”.

A formación nacionalista continúa na súa demanda de mellora  da seguranza viaria e mobilidade peonil no Concello de Coirós e en especial no paso da N-VI polo concello. “A demanda para mellorar a seguridade viaria tanto no cruzamento de Queirís,  como en todo o tramo da N-VI ao seu paso polo Concello de Coirós, é unha esixencia histórica tanto das veciñas e veciños de Coirós como por parte do Bloque Nacionalista Galego” lembra a voceira municipal do BNG en Coirós.

“Este último accidente, sumado ao do pasado mes de setembro onde houbo un camión involucrado, ven a constatar a necesidade xa urxente da construción da rotonda”, sinalou Pura Ferreño. “Esperamos que desta vez a nosa proposta sexa tomada en consideración e poida empezar a executarse as obras para mellorar a seguranza nesta vía ao paso por Coirós” conclúe a voceira nacionalista.

Declaración de Queirís como tramo de concentración de accidentes

Para o BNG, o paso da N-VI por Queirís cumpriría coas características para declaralo como tramo de concentración de accidentes, o que facilitaría as actuacións pendentes, cumprindo así co acordo de investidura asinado nesta lexislatura entre o BNG e PSOE.

“O acordo asinado despois das eleccións xerais do ano 2023 recollía o compromiso para a mellora da seguridade con actuacións en todos os tramos de concentracións de accidentes da Rede de Estradas do Estado presentes no noso país”, lembrou Pura Ferreño. 

O BNG de Coirós volve insistir na mellora da seguranza viaria no cruzamento de Queirís logo dun novo accidente