O BNG de Coirós demanda melloras na xestión das augas pluviais no Polígono Empresarial de Pedrapartida

Pura Ferreño: “A pasada fin de semana puidemos observar a presenza de augas sucias e con restos aceitosos na zona de acopio das augas de escorrentía e polas cunetas“
O BNG de Coirós demanda melloras na xestión das augas pluviais no Polígono Empresarial de Pedrapartida

Coirós, 19 de Decembro de 2024. O BNG, preocupado ante un novo vertido nas pluviais do Polígono Empresarial de Pedrapartida, solicita ao goberno local medidas para acabar con este tipo de incidentes.

“Temos denunciado en reiteradas ocasións a falta de control e depuración das augas pluviais e de escorrentía na contorna do Polígono Empresarial de Pedrapatida” explica a portavoz municipal, Pura Ferreño.

Engade que “a pasada fin de semana puidemos observar a presenza de augas sucias e con restos aceitosos na zona de acopio das augas de escorrentía e polas cunetas“.

“Estas augas van dar a un regato e finalmente acabarán no Mandeo” detalla Ferreño. “Esta situación repítese con demasiada frecuencia e supón un grande perigo medioambiental” remata a concelleira.

Augas PE Pedrapartida (1)

Por este motivo, o BNG de Coirós ven de presentar unha moción demandando información sobre estes feitos, e que o goberno municipal explique se teñen presentado denuncias e cal foi o resultado.

Así mesmo, as nacionalistas exixen que se realicen as investigacións pertinentes para detectar o foco do vertido, neutralizalo e tomar as medidas preventivas e punitivas necesarias para que non se repitan estes episodios.

Remata Pura Ferreño solicitando “que se acometan as obras necesarias para limpar e acondicionar a zona de pluviais, illala correctamente, realizar unha correcta depuración e tapar as canalizacións abertas no chan para evitar accidentes de persoas e animais”.

O BNG de Coirós demanda melloras na xestión das augas pluviais no Polígono Empresarial de Pedrapartida