O BNG solicita que se regule o uso dos locais sociais municipais
Pura Ferreño: “Este regulamento recollerá entre outras cousas os seus dereitos e obrigas, así como un “acordo” de cesión asinado por ambas as partes cando así se considere oportuno”
Desde o BNG piden tamén que o goberno promova xuntanzas periódicas das asociacións que traballan no noso concello para coordinar actividades e aproveitar sinerxías
Coirós, 5 de setembro de 2024. O BNG solicita que se regule o uso dos locais sociais municipais. “O Concello de Coirós posúe unha ampla rede de locais sociais municipais. Todos eles están a disposición da veciñanza para o seu uso puntual e, en moitos deles, desenvólvense actividades planificadas polo propio Concello de Coirós”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño. “Algúns destes locais son utilizados maiormente por asociacións do lugar ou parroquia máis próxima. Son exemplo disto a Escola de Queirís, o local do campo da festa de Espenuca e Caresma ou o de Santiago de Ois”, engadiu.
“Nalgunhas ocasións en que terceiras persoas ou colectivos teñen pedido utilizar algún destes locais ou espazos, tense xerado malestar por non seren informadas, coa suficiente antelación, as persoas ou entidades usuarias habituais. Incluso se ten observado nalgún caso un mal uso do local, por ter ocasionado desperfectos ou non deixar o espazo limpo e recollido”, engadiu Ferreño. “Por outra banda, cómpre mencionar que existe en Coirós unha boa rede asociativa, tanto no ámbito veciñal, coma no cultural e recreativo. Isto ocasiona que, ás veces, as programacións de algunhas das máis activas, poidan coincidir”, informou a concelleira do BNG.
Por todo isto, o BNG pediu ao Concello de Coirós que redacte e someta a aprobación un regulamento para a cesión dos locais sociais municipais ás asociacións e colectivos que desenvolvan a súa actividade no noso territorio. “Este regulamento recollerá entre outras cousas os seus dereitos e obrigas, así como un “acordo” de cesión asinado por ambas as partes cando así se considere oportuno”, indicou a nacionalista. Desde o BNG piden tamén que o goberno promova xuntanzas periódicas das asociacións que traballan no noso concello para coordinar actividades e aproveitar sinerxías.