O BNG propón acometer medidas de inclusión nos locais municipais

Pura Ferreño: “A mellora da vida das persoas máis vulnerábeis debe centrar as políticas de todas as institucións e, como organismo máis próximo á veciñanza, debería ser un aspecto central da política municipal”

O BNG propón acometer medidas de inclusión nos locais municipais

Coirós, 2 de Abril de 2024.- O BNG de Coirós propón mellorar a accesibilidade dos locais e espazos municipais no ámbito da mobilidade e no sensorial. “A mellora da vida das persoas máis vulnerábeis debe centrar as políticas de todas as institucións e, como organismo máis próximo á veciñanza, debería ser un aspecto central da política municipal”, indicou Pura Ferreño, portavoz do BNG. 

“Estamos fondamente comprometidas con esta cuestión e temos feito propostas para que o concello tomase medidas que favorecesen a inclusión das persoas que pertencen a colectivos que se poden considerar vulnerábeis”, engadiu a voceira do BNG. Desde o BNG lembraron que nos últimos anos teñen solicitado, por exemplo, a sinalización de prazas para os vehículos de persoas con mobilidade reducida e engade que tamén cómpre mellorar na “accesibilidade sensorial”. 

“Sería un grande avance a dotación dos edificios públicos de mecanismos que favorezan a comunicación auditiva a través do sistema de “bucle magnético” tanto nas oficinas de atención á cidadanía como nos locais de actividades, salóns de actos e salón de plenos”, explicou Pura Ferreño.

“Pensando na mellora da comunicación e a a relación co contorno das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA cómpre a instalación de pictogramas nos edificios municipais. Estas formas de expresión non verbal son moi útiles para facilitar a comunicación e a integración destas persoas e de moitas outras afectadas por problemas neurolóxicos”, engadiu. 

“Ademais dos locais pechados tamén cómpre ter en conta os espazos de ocio no exterior como parques infantís. É necesaria a eliminación de todas as barreiras arquitectónicas e a instalación de xogos adaptados para as crianzas con discapacidade”, concluíu a voceira do BNG. 

Pura Ferreño e Pablo Bugía defenderán no vindeiro pleno estas propostas para conseguir as melloras necesarias que garantan a accesibilidade en todos os espazos públicos para todas as persoas independentemente das súas capacidades de mobilidade ou sensoriais.

O BNG propón acometer medidas de inclusión nos locais municipais