O BNG promove un plan anual de limpeza e prevención de incendios
Pura Ferreño, voceira do BNG en Coirós, propón o deseño dun plan anual de limpeza e prevención de incendios dotado dos medios humanos, técnicos e económicos necesarios.
Coirós, 3 de novembro de 2022.- Pura Ferreño, voceira do BNG en Coirós, propón o deseño dun plan anual de limpeza e prevención de incendios dotado dos medios humanos, técnicos e económicos necesarios.
“A xestión da limpeza viaria municipal e dos núcleos rurais é competencia dos concellos e deben ser eles quen se responsabilicen do seu mantemento con cargo aos impostos que todas e todos pagamos” afirma a voceira nacionalista.
Sinala Ferreño que “coa chegada da primavera o estoupido da vida enche de vexetación e cores as nosas aldeas, mais tamén nas beiras dos camiños, ocasionando problemas para a circulación polo estreitamento da calzada e o empeoramento da visibilidade. A maiores son moitas as vivendas habitadas que lindan con parcelas desatendidas polos seus propietarios e que ocasionan a presenza de bichería e broza que non entenden de marcos”
“Mais o problema continúa ao longo do ano, e a vexetación non agarda que teñamos o tractor preparado e, en maior ou menor medida, medra, rosea, seca, afilla, podrece e volta medrar” insiste a concelleira.
Afirma tamén que “É un erro pensar que limpar os camiños unha vez ao ano antes das festas patronais en cada parroquia soluciona o problema. É tamén un erro pensar unicamente no verán como época de risco de incendios. Non hai máis que ver a escaseza de choivas do presente ano para entender que, aínda podendo ser menor, o risco non desaparece.”
Por todo isto, desde o BNG de Coirós propoñen deseñar de xeito inmediato un plan anual de limpeza de camiños e núcleos rurais e dotalo dos medios técnicos, humanos e económicos necesarios.
“Para facer un mellor aproveitamento dos recursos, programaranse os traballos en función das distancias a vivendas e núcleos, de xeito que a limpeza sexa máis intensa nos lugares habitados repetindo as veces necesarias para garantir o bo estado das vías e a seguridade das persoas. Cómpre vixiar o estado de parcelas abandonadas próximas ás vivendas e instar ás persoas propietarias a limpalas, e proceder á execución subsidiaria no caso de se desatender” expón Ferreño.
Para rematar reclama tamén a concelleira “deseñar un plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, con arranxo ao previsto na lei 3/2007 e na lexislación galega de montes, e integralos nos plans de urxencia municipais”.