O BNG propón melloras na transparencia e a comunicación do Concello coa veciñanza

Pura Ferreño é a portavoz do BNG de Coirós
Pura Ferreño é a portavoz do BNG de Coirós

“É preciso publicar na páxina web municipal as convocatorias e actas dos plenos e xuntas de goberno. Tamén  colocar un lugar visíbel da páxina web unha caixa de correo para suxestións para que as persoas usuarias poidan atopalo de xeito doado”

O BNG propón melloras na transparencia e a comunicación do Concello coa veciñanza

Coirós, 26 de Outubro de 2022.- O BNG propón no Pleno melloras na transparencia e a comunicación do Concello coa veciñanza. “O concello debe avanzar na transparencia e a comunicación coa veciñanza. Ten que ofrecer unha información activa e actualizada, non só en base ao que poida demandar calquera veciña ou veciño senón tamén trasladar toda a información que a propia actividade municipal xera”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño.

“É preciso publicar na páxina web municipal as convocatorias e actas dos plenos e xuntas de goberno. Tamén  colocar un lugar visíbel da páxina web unha caixa de correo para suxestións para que as persoas usuarias poidan atopalo de xeito doado” comeza relatando Ferreño.

“Cómpre tamén incluír nos teléfonos de contacto un número de mensaxería mobil municipal do mesmo xeito que existe para a Omix. Tamén habilitar unha lista de distribución á que a veciñanza poida subscribirse para recibir información e publicitala para chegar ao maior número de persoas posíbel. Por suposto deberanse atender estas redes diariamente para enchelas de contido e conseguir unha ligazón permanente coa cidadanía”, apunta a nacionalista.

Pensando na poboación que non utiliza internet Ferreño propón “colocar paneis informativos nas paradas dos autobuses e en lugares de recollida do lixo e enviar un almanaque do vindeiro ano a cada domicilio con todos os teléfonos de contacto do concello: oficinas xerais, urbanismo, servizos sociais, Omix, Cim, biblioteca, servizo de augas ou da recollida do lixo”.

“A administración municipal debe comprometerse a contestar todas as solicitudes que se lle formulen no prazo establecido pola lei e informar dos motivos da denegación da mesma no seu caso”, engadiu Ferreño.

“Na actualidade dispoñemos de ferramentas de uso común que facilitan este traballo con custes perfectamente asumíbeis.  Internet, páxinas web, redes sociais ou servizos de mensaxería dixital están á nosa disposición para que a información poida chegar á veciñanza e as demandas da veciñanza ao goberno local”, concluíu a portavoz do BNG.

O BNG propón melloras na transparencia e a comunicación do Concello coa veciñanza