O BNG exixe solucións para os verquidos no polígono de Pedrapartida
A voceira nacionalista Pura Ferreño demanda do goberno do PP información e solucións inmediatas para os verquidos e a mellora da xestión das augas pluviais no polígono empresarial de Pedrapartida
Coirós, 2 de Febreiro de 2022.- A voceira nacionalista Pura Ferreño demanda do goberno do PP información e solucións inmediatas para os verquidos e a mellora da xestión das augas pluviais no polígono empresarial de Pedrapartida. “Nos últimos días tense xerado alarma social en relación coa aparición do que que semellan verquidos industriais nas pluviais do polígono industrial de Pedrapartida”, explicou a portavoz do BNG.
A concelleira nacionalista achegouse ao lugar para inspeccionar a zona e puido comprobar graves deficiencias na xestión das augas pluviais e a presencia de verquidos oleosos. “A caseta de recepción das augas pluviais carece dun peche apropiado e a súa estrutura está altamente deteriorada. As paredes e algunhas das canalizacións rotas permiten o acceso ao interior do recinto có conseguinte risco para animais e persoas” afirmou Pura Ferreño.
Tamén engade que a canalización que decorre por debaixo da ponte da A6 ten varios rexistros sen tapa nun tramo adaptado para o paso das persoas. “Unha terríbel trampa para quen se atreva a circular por esta zona en horas de pouca luz”, indicou. Insiste a nacionalista que “é especialmente preocupante a aparición de restos aceitosos na cuneta do camiño que bordea a área de descanso da A6 sentido Betanzos. Estas cunetas van dar a pequenos regatos e poden incluso acabar no Mandeo, có conseguinte risco para a flora e a fauna acuícola.”
Por todo isto a concelleira nacionalista demandou do goberno municipal que se informe de xeito inmediato aos grupos políticos sobre a existencia de denuncias ante o Concello, Xunta ou o Seprona. Rematou Ferreño exixindo “que se realicen as investigacións pertinentes para detectar o foco dos verquidos, neutralizado e tomar as medidas preventivas e punitivas necesarias para que non se repitan estes episodios. E deberán acometerse de inmediato as obras necesarias para limpar e acondicionar a zona de pluviais, aillala correctamente e tapar as canalizacións abertas no chan para evitar accidentes de persoas e animais”.