BNG leva ao Congreso a Seguranza Viaria no Concello de Coirós
Néstor Rego rexistra iniciativas para renovar o pavimento e a sinalización no cruce de Queirís para mellorar a seguridade no paso da NVI polo municipio coruñés
Madrid, 26 de abril de 2021. A formación nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Congreso para mellorar a seguranza viaria e mobilidade peonil no Concello de Coirós e en especial no paso da nacional sexta polo concello. Entre as medidas máis importantes atópase a renovación do pavimento e da sinalización, así como a dotación de beirarrúas e a instalación de medidas de protección ou pasos de peóns regulados por semáforos.
“A demanda para mellorar a Seguridade viaria tanto nesta zona como en todo o tramo da nacional sexta ao seu paso polo Concello de Coirós é unha demanda histórica, tanto das veciñas e veciños de Coirós como por parte do Bloque Nacionalista Galego” lembra a voceira municipal do BNG en Coirós. Recentemente, sinala a voceira, a formación nacionalista presentou alegacións a un proxecto que había para mellorar a seguridade viaria. Neste momento fixéronse algunhas modificacións mais aínda así segue sendo deficitario e escaso “tanto no tema de beirarrúas como no tema de acceso a algúns lugares”.
O BNG xa ten presentado iniciativas ao respecto, en concreto, emendas aos Orzamentos Xerais do Estado que, “lamentabelmente foron votadas en contra pola maioría de Goberno de PSOE e de Podemos que demostraron unha falta de sensibilidade con esta petición dos veciños e veciñas de Coirós” apunta o deputado no Congreso. Precisamente, por iso o BNG insiste e Rego anuncia novas iniciativas no Congreso para mellorar a seguranza viaria, en xeral, e particularmente para poder executar unha rotonda no Cruzamento de Queirís “que é un dos puntos máis perigosos que ten a nacional sexta no Concello de Coirós”.
Nas iniciativas presentadas, a organización frentista procura a renovación do pavimento e da sinalización horizontal no tramo que vai do cruzamento de Queirís até o cruzamento da Espenuca. Así mesmo, o deputado nacionalista apunta que “é necesaria a instalación de medidas disuasorias para garantir o cumprimento do límite de velocidade nas zonas marcadas a 50km/ h e dotar de beirarrúas máis anchas tanto no tramo anterior como posterior á intersección, actuación que sería posible eliminando o carril lento desde o punto quilométrico 570+250 até o cruzamento da Espenuca”.
“Esperamos que esta vez si a nosa proposta sexa tomada en consideración e poida empezar a executarse as obras para mellorar a seguranza nesta vía ao paso por Coirós” conclúe o deputado nacionalista, Néstor Rego, a espera de que a iniciativa se debata en Comisión no Congreso.