Organizamos un encontro veciñal en Queirís para falar do proxecto de obra de reforma do polémico cruce
A charla será o xoves 20 de xuño e nela intervirá ademais da portavoz do BNG de Coirós, Pura Ferreño, o deputado no Parlamento, Luís Bará
Coirós, 18 de xuño de 2019. O BNG organiza un encontro veciñal en Queirís para falar do proxecto de obra de reforma do polémico cruce que está en exposición pública. A charla será o vindeiro xoves 20 de xuño e nela intervirá ademais da portavoz do BNG de Coirós, Pura Ferreño, o deputado no Parlamento, Luís Bará.
Desde o BNG alegrámonos de que por fin se avance nesta obra imprescindíbel para a veciñanza da zona e que suprimiría un tramo moi perigoso na N-VI ao paso polo noso concello, xa que levamos desde o 2008 reclamando que se leven a cabo melloras neste punto con diferentes iniciativas. “A proposta en si en principio parece positiva mais hai que asegurarse de que as vivendas próximas á rotonda e accesos non van ser prexudicadas se sube o nivel da estrada, de se quedarán espazo abondo para as paradas de autobús ou para o estacionamento de buses con visitantes para o espazo fluvial de Chelo”, indicou a portavoz do BNG.
“Segundo o proxecto que está en exposición pública a actuación prevista deixa fora un tramo importante no que se precisa aumentar o ancho das beiravías, e arranxar entradas e saídas nas estradas locais, ademais da posibilidade de facer isletas na estrada principal para torcer á esquerda ou para incorporarse, se a seguridade o permite”, explicou Ferreño.
Desde o BNG convidaron á veciñanza a acudir ao encontro para resolver as dúbidas que puidese haber e axudalos a redactar as alegacións que consideren para facer que esta obra sexa o máis acaída posíbel ás necesidades da veciñanza de Queirís.