O BNG das Mariñas presenta a campaña “Nas Mariñas movémonos polo transporte público” para reclamar unha comarca mellor conectada
Desde o BNG denuncian que as actuais liñas de autobús e ferrocarril continúan a ser insuficientes, con poucos horarios, malas conexións e sen responder ás necesidades diarias da poboación
Entre as propostas inclúense liñas entre parroquias e vilas, transporte a demanda nas zonas máis dispersas, melloras na intermodalidade entre bus e tren e conexións adaptadas aos horarios laborais
Betanzos, 19 de maio de 2026. O BNG das Mariñas vén de poñer en marcha a campaña “Nas Mariñas movémonos polo transporte público”, unha iniciativa coa que busca abrir o debate sobre a mobilidade na comarca e reclamar un modelo de transporte público útil, coordinado e adaptado ás necesidades reais da veciñanza. Na presentación da campaña, o responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Alberte G. Nicolás, estivo acompañado por distintos cargos institucionais e orgánicos da fronte na estación de tren de Betanzos, un lugar escollido “polo seu simbolismo como exemplo das carencias e do abandono que sofre o transporte público na comarca brigantina”.
O responsábel comarcal do BNG, explicou que “a comarca leva anos sufrindo un modelo de mobilidade centrado no vehículo privado, deixando atrás a mocidade, as persoas maiores ou quen vive nas parroquias”. Segundo sinalou, “desprazarse nesta comarca non pode seguir sendo un problema; o transporte público é unha cuestión de igualdade, de cohesión territorial e tamén de oportunidades para desenvolver un proxecto de vida na comarca”.
Desde o BNG denuncian que as actuais liñas de autobús e ferrocarril continúan a ser insuficientes, con poucos horarios, malas conexións e sen responder ás necesidades diarias da poboación. A campaña aposta por unha “mobilidade en rede” que permita conectar as parroquias coas cabeceiras municipais, reforzar o papel de Betanzos como unha auténtica capital comarcal e mellorar as conexións coas zonas urbanas máis próximas. Entre as propostas inclúense liñas entre parroquias e vilas, transporte a demanda nas zonas máis dispersas, melloras na intermodalidade entre bus e tren, reforzar a comunicación coas cidades da Coruña ou Ferrol e conexións adaptadas aos horarios laborais.
“A falta de alternativas reais está condenando ás Mariñas á dependencia do coche, coas consecuencias ambientais, sociais e económicas que conleva”, apuntou o responsábel comarcal, quen defendeu un modelo “máis sostíbel e pensado para fixar poboación no territorio”. O BNG considera que sen unha planificación seria da mobilidade “non hai acceso real ao emprego, aos servizos públicos nin á vida social”, especialmente nas zonas rurais da comarca.
A formación nacionalista avanzou que esta campaña desenvolverase durante as próximas semanas, onde buscarán “abrir un debate de fondo sobre o modelo de comarca que precisamos e demostrar que hai alternativas reais fronte ao abandono e á falta de planificación dos sucesivos gobernos estatais e galegos do PP e PSOE”.