A DIA negativa do parque eólico Satrebares avala a loita social e o traballo do BNG contra unha aberración ambiental

O Bloque Nacionalista Galego salienta que a Declaración de Impacto Ambiental negativa emitida para o macroparque eólico Satrebares dá a razón á veciñanza mobilizada e ás iniciativas políticas impulsadas polo BNG no Congreso, no Parlamento de Galiza e nos concellos afectados, fronte a un proxecto que pretendía imporse sobre o territorio e o ben común

A DIA negativa do parque eólico Satrebares avala a loita social e o traballo do BNG contra unha aberración ambiental

Ferrol, 12 de abril de 2026. O BNG considera que a DIA negativa do parque eólico Satrebares “é unha vitoria da xente” e acredita que o proxecto era unha auténtica aberración ambiental, social e territorial, tal e como o Bloque e as plataformas veciñais veñen denunciando desde o primeiro momento. O macroparque, promovido por Maracaibo Solar, pretendía instalar 125 MW entre Guitiriz, Monfero. Afectando a liña de evacuación a Abegondo, Aranga, Curtis e Oza‑Cesuras, cun forte impacto sobre explotacións agrogandeiras, patrimonio e espazos protexidos.

Desde o inicio da tramitación, o BNG levou o conflito ás institucións estatais. No Congreso, o deputado nacionalista Néstor Rego rexistrou preguntas escritas dirixidas ao Goberno reclamando a denegación da autorización para Satrebares e o rexeitamento dun Estudo de Impacto Ambiental incompatíbel coa preservación dos valores ambientais, patrimoniais e socioeconómicos da zona. “Advertimos que non se podía permitir que o interese privado dunha grande empresa se impuxese ao ben común das comunidades rurais afectadas”, lembrou Rego.

No territorio, o BNG traballou man a man coa veciñanza. En Guitiriz, as concelleiras e concelleiros nacionalistas organizaron charlas en parroquias como Os Vilares e Labrada, nas que se explicou de maneira rigorosa o impacto que terían aeroxeradores de máis de 200 metros sobre a paisaxe, a fauna, o patrimonio e a calidade de vida. Ademais, o Bloque elaborou alegacións tipo e púxoas a disposición da veciñanza en distintos puntos do concello e por vía telemática, facilitando que milleiros de persoas e colectivos puidesen defender os seus dereitos perante o MITECO.

A organización nacionalista lembra que o proxecto de Satrebares supuña un prexuízo grave para terras de alta capacidade agrícola e de produción vinculadas á PAC, fragmentando explotacións agrogandeiras e reducindo a súa base territorial; tamén implicaba riscos para especies vulnerábeis como a gatafornela, o millafre e diversos morcegos protexidos, así como para recursos hídricos fundamentais para as poboacións locais. “Falabamos de colonialismo verde porque se pretendía sacrificar a historia, a identidade e o modo de vida da xente do rural en beneficio dunha lóxica puramente extractiva”, subliña o BNG.

Para o Bloque, a DIA negativa confirmará que estas alertas estaban plenamente xustificadas e demostra que a sociedade organizada é quen de frear proxectos lesivos. “A loita de Guitiriz, Monfero e do conxunto das Mariñas é un exemplo de resistencia social xusta, que marca un precedente fronte aos macroproxectos eólicos deseñados de costas ao país”, destaca a formación nacionalista.

O BNG insiste en que non está en contra da enerxía eólica, senón dun modelo de desenvolvemento baseado na expoliación do territorio. A formación reclama unha planificación ordenada, con criterios ambientais estritos, participación real das comunidades locais, respecto á produción agrogandeira e mecanismos de retorno económico xusto para o país. “Galiza non pode ser a fornecedora de enerxía renovábel do estado, e dende logo que non pode selo a calquera prezo nin convertendo as nosas comarcas en zonas de sacrificio ao servizo de intereses alleos”, conclúe o BNG.

A DIA negativa do parque eólico Satrebares avala a loita social e o traballo do BNG contra unha aberración ambiental