O BNG de Abegondo lamenta que o PP volva dar as costas ao CIAM e as súas traballadoras

Blan García Roel: “Falamos dun centro con máis dun século de historia, que foi pioneiro na investigación agraria e que hoxe está a sufrir unha auténtica desmantelación silenciosa”

O BNG de Abegondo lamenta que o PP volva dar as costas ao CIAM e as súas traballadoras

Abegondo, 27 de marzo de 2026. O BNG de Abegondo lamenta o voto en contra do goberno municipal do PP á moción presentada no último pleno coa que o BNG insistía en que a Xunta de Galiza poña en marcha un plan de recuperación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

A iniciativa, defendida polo portavoz municipal do BNG, Blan García Roel, tiña como obxectivo reclamar medidas urxentes para frear o progresivo deterioro dun centro “estratéxico para o desenvolvemento do sector agrogandeiro galego e cunha fonda vinculación co propio concello de Abegondo”.

O BNG lamenta que o executivo local optase, de novo, por “poñerse de perfil e priorizar os intereses do seu partido antes que os do municipio e das traballadoras”.

Segundo sinalou García Roel, “é incomprensíbel que o PP de Abegondo vote en contra dunha proposta que simplemente buscaba defender un centro que leva décadas sendo referencia na investigación agraria e que hoxe está nunha situación crítica pola falta de persoal, medios e investimento”.

O portavoz nacionalista lembrou que o CIAM arrastra “anos de abandono por parte da Xunta”, cunha perda continuada de persoal investigador, instalacións obsoletas e proxectos paralizados, o que “pon en risco a continuidade dunha infraestrutura clave para o futuro do rural galego”. “Falamos dun centro con máis dun século de historia, que foi pioneiro na investigación agraria e que hoxe está a sufrir unha auténtica desmantelación silenciosa”, denunciou.

Ademais, o BNG considera especialmente grave que o goberno municipal “nin sequera mostre apoio ás demandas do propio persoal do centro”, que leva tempo advertindo da situación límite que se vive nas instalacións de Mabegondo.

O BNG de Abegondo lamenta que o PP volva dar as costas ao CIAM e as súas traballadoras