O BNG pide que o Pleno solicite á Xunta a recuperación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Desde o BNG lamentaron que esta iniciativa non contara có apoio do goberno local do PP no Pleno que se celebrou esta mañá

O BNG pide que o Pleno solicite á Xunta a recuperación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Abegondo, 27 de novembro de 2025O BNG pide que o Pleno solicite á Xunta a recuperación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. “O CIAM, Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, é un centro cunha traxectoria centenaria, as súas orixes remóntanse ao século XIX e foi aí a orixe da investigación agraria en Galiza. Nos anos 70 do pasado século establécense en Mabegondo, contando cunha finca de 300 ha, edificios, laboratorios e instalacións gandeiras”, explicou o portavoz do BNG, Blan García Roel. 

“Este centro leva anos nunha caída en picado no que se refire a atención e apoio económico por parte da administración responsábel deste centro, a Xunta de Galiza. Un desmantelamento progresivo que non compartimos dende o Bloque Nacionalista Galego”, criticou o voceiro nacionalista. “A pouca altura de miras e a escasa valoración de parte dos gobernos do PP do papel decisivo que xoga a investigación pública ao servizo dun sector, o agrogandeiro, en plena transformación é unha constante”, engadiu.

“O persoal investigador do CIAM puxo de manifesto o seu profundo descontento diante dos responsábeis da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) dependente da consellería do medio rural. Denuncian a situación crítica na que se atopa o centro, que se puxo en coñecemento dos responsábeis da Xunta de Galiza en numerosas ocasións”, indicou García Roel.  

“Como ben puidemos seguir en varios medios de comunicación, na última semana do mes de outubro marcharon do CIAM sete investigadores, seis deles de xeito “voluntario” debido ao grave deterioro do que esta sendo obxecto, por iso trasladamos ao Pleno a necesidade de solicitar á Xunta de Galiza, da que depende este centro a reposición íntegra de persoal investigador e técnico, así como a modernización e mellora de infraestruturas, instalacións, equipos, maquinarias. Pensamos que é fundamental tamén unha xestión transparente e participativa e un orzamento adecuado que permita reverter a grave situación do centro de investigación”, concluíu o portavoz do BNG. 

Desde o BNG lamentaron que esta iniciativa non contara có apoio do goberno local do PP no Pleno que se celebrou esta mañá. “Santiso di defender sempre o mellor para o noso concello, pero chegado o momento defende a actuación do PP na Xunta que está desmantelando o CIAM, un centro de investigación pionero asentado no noso concello e acabando cos postos de traballo vinculados a este centro”, concluíu o portavoz do BNG. 

Recuperación do patrimonio ligado á auga e aumento dos recursos para a loita contra a violencia machista

Desde o BNG trasladan tamén a Pleno unha proposta para promover a catalogación, protección e conservación do patrimonio ligado á auga, como fontes, lavadoiros, muíños ou pontes. Outra das iniciativas do grupo nacionalista vencellada ao 25N reclama un aumento dos recursos para a loite contra a violencia machista. 

O goberno local do PP negouse tamén a apoiar estas propostas do BNG. Desde o BNG consideran que o PP está instalado nun sectarismo e falta de diálogo total que o leva a votar en contra de iniciaitivas positivas para o noso concello e reclamadas pola veciñanza só porque as propón o BNG. 

O BNG pide que o Pleno solicite á Xunta a recuperación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo