O BNG presenta alegacións contra o Parque Eólico Seixo e reclama a súa denegación inmediata
A aprobación deste proxecto resta potencial aos proxectos presentados no concurso do Nó de Transición Xusta de Meirama, de feito, entra en conflito territorial con estes
Desde o Bloque alertan da ausencia dunha avaliación ambiental conxunta e rigorosa, tanto dos aeroxeradores como das súas liñas de evacuación, e lembran que a subestación prevista para canalizar a enerxía, situada en Abegondo, aínda non está autorizada
Betanzos, 30 de xullo de 2025. O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar alegacións contra o proxecto do Parque Eólico Seixo, promovido pola empresa Mowe Energía e que afectaría os concellos da Laracha, Carral, Cerceda e Abegondo. A formación nacionalista reclama ao Goberno do Estado a denegación da autorización administrativa previa e do Estudo de Impacto Ambiental, ao considerar que o proxecto supón unha nova agresión ao territorio e resulta incompatíbel cos valores ambientais, patrimoniais, socioeconómicos e paisaxísticos da zona.
O BNG denuncia que este parque, cunha potencia prevista de 77 MW e 16 aeroxeradores, se insire nun modelo eólico depredador, carente de planificación e pensado ao servizo de intereses privados, sen ter en conta nin a capacidade de carga do territorio nin os dereitos das persoas afectadas.
A organización nacionalista sinala que “o proxecto do parque eólico Seixo contempla a instalación de 16 aeroxeradores nos termos municipais de Cerceda, A Laracha e Carral. Estando os tres dentro da Zona de Transición Xusta de Meirama. Polo tanto, a aprobación deste proxecto resta potencial aos proxectos presentados no concurso do Nó de Transición Xusta de Meirama, de feito, entra en conflito territorial con estes”.
O BNG advirte tamén da afectación sobre o Camiño Inglés, declarado Ben de Interese Cultural, así como sobre numerosos elementos patrimoniais e espazos protexidos que quedarían degradados ou mesmo destruídos. Así mesmo, incide na proximidade dos aeroxeradores a núcleos de poboación, en ocasións por debaixo das distancias mínimas esixidas pola lexislación galega, o que suporía unha grave ameaza para a saúde e o benestar da veciñanza.
Desde o Bloque alertan da ausencia dunha avaliación ambiental conxunta e rigorosa, tanto dos aeroxeradores como das súas liñas de evacuación, e lembran que a subestación prevista para canalizar a enerxía, situada en Abegondo, aínda non está autorizada, acumulando oposición social e institucional.
“O suposto beneficio en termos de xeración eléctrica ou emprego non compensa en ningún caso o dano irreparábel que este proxecto podería causar”, argumenta o BNG, que cualifica de insostíbel e colonial o modelo de implantación masiva de parques sen control nin planificación real, cunha finalidade especulativa e allea ás necesidades da poboación.
Ante esta situación, o BNG reclama ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a denegación inmediata da autorización do Parque Eólico Seixo, así como a paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación até que exista unha planificación estratéxica elaborada en colaboración coa Xunta de Galiza e baseada en criterios de racionalidade, equilibrio territorial e respecto polo medio e o patrimonio.