O BNG urxe a mellora da AC-161 ao seu paso por Bergondo

David Carro: “A situación desta estrada é cada vez máis insostíbel: o firme atópase moi deteriorado, a sinalización é deficiente —especialmente nos pasos de peóns— e a velocidade excesiva de moitos vehículos supón un risco constante, sobre todo nos tramos de baixada”
O BNG urxe a mellora da AC-161 ao seu paso por Bergondo

Bergondo, 28 de xullo de 2025. O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de axilidade da Xunta de Galiza ante o deterioro da estrada AC-161 ao seu paso por Bergondo, unha vía de alta intensidade de tráfico que conecta este municipio cos concellos veciños de Sada e Betanzos.

En resposta a unha iniciativa parlamentaria da deputada do BNG, Mercedes Queixas, o Goberno galego limitouse a sinalar a existencia de problemas no firme pola presenza de acometidas de saneamento e pluviais, e que, por este motivo, se está a "traballar co Concello de Bergondo". Con todo, non se concreta ningunha actuación nin prazo de execución.

“A situación desta estrada é cada vez máis insostíbel: o firme atópase moi deteriorado, a sinalización é deficiente —especialmente nos pasos de peóns— e a velocidade excesiva de moitos vehículos supón un risco constante, sobre todo nos tramos de baixada”, advertiu o portavoz do BNG en Bergondo, David Carro. “A Xunta de Galiza leva anos sen actuar e a veciñanza está farta de agardar. “, lamentaba o portavoz.

Pola súa banda, Mercedes Queixas lembrou que “a responsabilidade do mantemento da AC-161 é da Xunta, e non pode escudarse en problemas técnicos ou coordinacións co goberno municipal para evitar adiantar prazos poñéndose de perfil ante este problema”. A deputada nacionalista advertiu de que a estrada presenta múltiples deficiencias no que a seguridade viaria respecta, tanto para vehículos como para peóns.

“Desde o BNG seguiremos a presentar iniciativas para esixir solucións urxentes e lembrar á Xunta que Bergondo tamén existe e merece infraestruturas dignas e seguras”, concluíu Queixas.

O BNG urxe a mellora da AC-161 ao seu paso por Bergondo