O BNG insiste na necesidade de desbloquear o Departamento de Urbanismo
David Carro: “Esiximos ao Goberno Local que tome decisións para desbloquear dunha vez esta situación”
O BNG denuncia tamén que debido a este bloqueo o Goberno Local non facilita documentación requirida para fiscalizar o traballo do equipo de goberno
Bergondo, 9 de maio de 2025. O BNG volve reclamar ao goberno local que solucione o bloqueo do departamento de urbanismo do Concello. “Debido á escaseza de persoal as obras tanto municipais como de particulares retrásanse e non se controlan como deberan tanto as obras maiores como as máis pequenas. Seguimos sufrindo retrasos na elaboración do PXOM e diminución nos ingresos por licenzas ou permisos, a falta de información á oposición ou a sensación de impunidade”, indicou o portavoz nacionalista, David Carro.
“Trátase de consecuencias graves para o normal funcionamento do concello, mentres Goberno Local se mostra conformista e aletargado, sen propostas para resolvelo pero sen aceptar tampouco as nosas propostas. Esiximos ao Goberno Local que tome decisións para desbloquear dunha vez esta situación", engadiu Carro.
Obstrución da labor da oposición
O BNG denuncia tamén que debido a este bloqueo o Goberno Local non facilita documentación requirida para fiscalizar o traballo do equipo de goberno. "Solicitamos copia dun expediente urbanístico. Temos información de que as persoas propietarias presentaron unha comunicación previa e están agardando o informe do técnico municipal", indicou o portavoz nacionalista David Carro.
"Aparentemente, as obras non coinciden coa comunicación previa, e pasado un tempo solicitamos de novo copia do expediente. A resposta é unha mostra máis da saturación do departamento ", expuxo Carro. "A inxente cantidade de traballo fai que o técnico non poida informar nos prazos establecidos ao ter expedientes en espera e moi atrasados. Ademais seria necesaria unha inspección da edificación co fin de realizar un informe detallado do estado actual e posíbeis actuacións no edificio”, engadiu Carro.
“Tampouco se precisa unha data aproximada para realizar o informe. Esta resposta é unha mostra máis do bloqueo do departamento que está sufrindo toda a veciñanza”, concluíu o portavoz do BNG.