BNG exixe ao Goberno axilizar as obras previstas na N-VI ao seu paso por Cortiñán en Bergondo

Ante a resposta do Goberno a preguntas do BNG, Rego urxe acurtar os prazos e materializar a mellora de accesos na estrada na parroquia de Cortiñán

“Transportes debe levar a cabo obras que incrementen a seguranza viaria na N-VI en Bergondo. Todas as actuacións anteriores non conseguiron mellorar a situación” di Rego

BNG exixe ao Goberno axilizar as obras previstas na N-VI ao seu paso por Cortiñán en Bergondo

Madrid, 11 de abril  de 2025. O BNG demanda ao Goberno do Estado a máxima dilixencia na tramitación e execución do proxecto de mellora da seguranza viaria na N-VI ao seu paso pola parroquia de Cortiñán, no concello de Bergondo. A través dunha iniciativa rexistrada no Congreso, o deputado do BNG, Néstor Rego, exixe ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel a dar pasos concretos para a posta en marcha dunha actuación largamente demandada pola veciñanza e que continúa, a día de hoxe, sen avances significativos.

Na resposta remitida polo Ministerio á iniciativa do BNG, infórmase que o proxecto de “Reordenación de accesos na estrada N-VI Travesía de Cortiñán (Bergondo). Tramo PP.KK. 576+200 ao 577+500. Provincia de A Coruña” continúa en fase de redacción, malia ter sido aprobado provisionalmente en febreiro de 2023.

Rego considera "inaceptábel que, dous anos despois da aprobación provisional do proxecto, non se teñan producido avances reais nin se teña informado sobre a resolución das alegacións presentadas". O deputado nacionalista lembra que a N-VI é unha das principais vías de comunicación na comarca e que, ao seu paso por Bergondo, transcorre por zonas densamente poboadas onde, a confluencia de tráfico, accesos mal deseñados e a falta de actuacións eficaces converten esta estrada nun punto de alto risco.

“Estamos ante unha situación que afecta directamente á seguranza viaria e á calidade de vida da veciñanza. En Cortiñán téñense producido numerosos accidentes, algúns deles con vítimas mortais. As actuacións levadas a cabo até o de agora foron claramente insuficientes. É imprescindíbel que o Ministerio de Transportes impulse este proxecto e acurte os prazos para facelo realidade” afirma Rego.

O deputado do BNG reclama que o Goberno actúe con responsabilidade e dilixencia e que non siga adiando unha actuación que é fundamental para garantir unha circulación segura na N-VI ao seu paso por Bergondo.

 
BNG exixe ao Goberno axilizar as obras previstas na N-VI ao seu paso por Cortiñán en Bergondo