BNG denuncia as deficiencias, degradación e desmantelamento progresivo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Secundino Fernández pide á conselleira de Medio Rural que reaccione para non ser responsable do peche dun organismo que ten a súa orixe no s. XIX

BNG denuncia as deficiencias, degradación e desmantelamento progresivo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025. O deputado do BNG Secundino Fernández denunciou no Pleno do Parlamento as “as deficiencias, a degradación e o progresivo desmantelamento” do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), unha situación de abandono da que vén alertando o seu  persoal e da que responsabilizou ao Goberno do PP e, máis en concreto, á Consellería do Medio Rural e á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

O deputado nacionalista levou ao Pleno a situación do CIAM mediante unha pregunta parlamentaria formulada á conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, á que reclamou que non se escude en “escusas de mal pagadora” e asuma a súa responsabilidade sobre o que acontece no centro. “Non sexa culpable de pechar un centro de investigación cunha traxectoria que se remonta ao século XIX”, reclamoulle.

Secundino Fernández utilizou a primeira quenda para facerlle á conselleira até 28 preguntas diferentes sobre o CIAM, un dos centros referenciais na investigación agraria para as universidades e que chegou a ser exemplo para toda a Península Ibérica no tocante aos estudos en pastos e sistemas agrarios da franxa atlántica e ás producións agrícolas e gandeiras.

“Por que os gobernos do PP menosprezan deste xeito a investigación agraria, concretamente Mabegondo e as estacións experimentais do Marco da Curra,  A Pobra do Brollón e Salceda de Caselas?”, preguntou, entre outras cuestións, o deputado do BNG, quen tamén quixo coñecer a opinión da conselleira sobre as denuncias feitas polos investigadores do CIAM.

Denuncias, lembrou, sobre a falla de criterio na xestión das liñas de investigación, a xestión de recursos do Agacal, a intromisión nos proxectos de investigación, o desprezo pola experiencia dos investigadores ou o trato denigrante cara ao persoal, entre outras.  “A resposta dos responsábeis da Consellería foi até agora o silencio”, lamentou.

Secundino Fernández advertiu así mesmo das deficiencias nos materiais, equipos e instalacións, como as do banco de xermoplasma. No que se refire ao personal, proseguiu, a actuación é “nefasta con premeditación”, pois desapareceron catro prazas de investigadores e sete de apoio á investigación valoradas en 350.000 euros ao ano e “agora teñen en previsión máis amortización de prazas”. “Tampouco cobren todas as vacantes existentes”, engadiu, para lamentar a continuación que “imos cara un centro de investigación sen investigadores e sen persoal de apoio e de campo”, un centro no que “o persoal de apoio ten que ir xa a atender o gando no seu tempo libre para garantir a súa supervivencia”.

“Señora conselleira, non minta nin manipule. A responsábel da conselleira é vostede e polo tanto a responsábel do que acontece neste centro, concluíu Secundino Fernández tras escoitar a resposta da titular de Medio Rural.

BNG denuncia as deficiencias, degradación e desmantelamento progresivo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo