O BNG utilizará o seu escano para defender en Europa a rexeneración da Ría de Betanzos e os sectores produtivos da comarca
Desde o BNG salientaron que a súa é unha candidatura 100% galega, comprometida coa defensa dos nosos sectores produtivos e servizos públicos, co feminismo, coa mocidade, co ecoloxismo e, por suposto, co antifascismo
Betanzos, 31 de maio de 2024.- A portavoz do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, a deputada, Mercedes Queixas e o candidato ao Parlamento europeo, Bieito Lobeira, participaron hoxe nun acto público no Matadoiro en Betanzos. O candidato nacionalista, Bieito Lobeira, pediu en Betanzos o apoio ao BNG nas eleccións do 9X porque o seu escano será o único que funcione como o altofalante dos intereses dos galegos e as galegas en Europa. Fixo tamén un chamamento á participación nestas eleccións acudindo ás urnas coa papeleta do BNG que é a “candidatura do País”.
A portavoz do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, referiuse á rexeneración da Ría de Betanzos como un dos asuntos primordiais para toda a comarca das Mariñas. “O apoio ao BNG servirá para seguir loitando por unha ría de Betanzos rexenerada e libre de verquidos”, indicou Amelia Sánchez. “Tamén defenderemos desde Bruxelas, como vimos facendo estes anos, os nosos sectores produtivos, o agro, a gandeiría ou o marisqueo”, engadiu.
Mercedes Queixas insistiu en que o BNG é o “equipo da casa” nestas eleccións e aproveitou para criticar o papel das forzas estatais no que ten que ver coa defensa dos intereses galegos, quen salientou que a candidatura do BNG é “100% galega, comprometida coa defensa dos nosos sectores produtivos e servizos públicos, co feminismo, coa mocidade, co ecoloxismo e, por suposto, co antifascismo”.
O candidato do BNG Bieito Lobeira apostou por unha Galiza con futuro nunha “Europa diferente”, a “Europa dos pobos e das persoas” que defende o Bloque, na que se avance en dereitos e xustiza social, unha Europa que aposte polo respecto e a paz nas relacións internacionais e que poña freo á extrema dereita “.