BNG reivindica en Betanzos o traballo do nacionalismo en Madrid en defensa dos intereses da Galiza

Néstor Rego e Alberte G. Nicolás poñen en valor o labor incansábel e frutífero do BNG nas Cortes do Estado en contraposición á submisión das forzas estatais

BNG reivindica en Betanzos o traballo do nacionalismo en Madrid en defensa dos intereses da Galiza

Madrid, 22 de xaneiro de 2026. O Bloque Nacionalista Galego realiza un acto aberto á veciñanza de Betanzos co obxectivo de dar conta do traballo desenvolvido pola organización nacionalista nas Cortes do Estado e dos avances acadados grazas á súa acción política. No acto interviñeron o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o responsábel comarcal do BNG nas Mariñas, Alberte G. Nicolás.

Durante a súa intervención, Néstor Rego pon en valor o impulso decisivo dado polo BNG á modernización da rede ferroviaria interna do País, así como o desbloqueo para a construción do by-pass de Betanzos, unha infraestrutura chave e estratéxica para a mobilidade cotiá da veciñanza da comarca das Mariñas. Rego subliña que esta actuación figura expresamente no Acordo de Investidura conseguido polo BNG, demostrando a utilidade do voto nacionalista en Madrid.

O deputado nacionalista destaca tamén que, por vez primeira, se está a desenvolver un plan para a implantación do servizo de cercanías na Galiza, que contempla catro liñas de servizo de proximidade e unha liña complementaria de ancho métrico. “Trátase dun fito histórico que pon fin a unha discriminación prolongada no tempo, xa que a Galiza, malia contar con masa crítica suficiente e características semellantes a outros territorios, carece até agora deste servizo esencial” apunta Néstor Rego.

No ámbito das infraestruturas viarias, Rego lembra que o BNG conseguiu incorporar no Acordo de Investidura actuacións urxentes na rede viaria galega co obxectivo de mellorar a seguranza viaria. Aínda que existen actuacións pendentes nalgunhas das vías que atravesan a comarca das Mariñas, o deputado asegura que o BNG segue vixiante para que o Goberno do Estado cumpra cos compromisos adquiridos.

Outro dos puntos destacados é a referencia ás novas rebaixas para as persoas usuarias recorrentes da AP-9. Rego sinala que, se ben “hai que agradecer ao PP que sigamos pagando por usar esta autoestrada” mentres que é grazas ao BNG que hoxe a AP-9 conta con descontos de até 75% nas portaxes. Ao mesmo tempo, reafirma o compromiso do BNG para poñer fin á estafa legalizada que supón a prórroga concedida polo Goberno de Aznar, exercendo toda a presión política necesaria para lograr unha AP-9 galega e libre de peaxes.

No plano social, o deputado do BNG lembra que a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC é un logro da organización nacionalista recollido no Acordo de Investidura, “mais aínda hai que continuar traballando para acadar o 60% do salario medio”. Do mesmo xeito, reivindica o incremento dos permisos de paternidade e maternidade até as 20 semanas, unha medida que, malia non estar totalmente cumprida, xa se sitúa nas 19 semanas.

Pola súa banda, Alberte G. Nicolás salienta o traballo “incansábel” e o “bo facer” do BNG nas Cortes do Estado, tanto no Congreso, coa labor de Néstor Rego como deputado, como no Senado, coa senadora Carme da Silva.

En contraposición a este traballo e á defensa dos intereses das galegas e dos galegos, Nicolás denuncia a submisión dos partidos de obediencia estatal, que “fan unha cousa aquí e a contraria en Madrid”, mesmo cando o seu voto “vai en contra de mellorar a vida e o benestar da cidadanía galega no seu conxunto”.

BNG reivindica en Betanzos o traballo do nacionalismo en Madrid en defensa dos intereses da Galiza