O BNG votará en contra do orzamento municipal para o ano 2025

Estefanía Busto: “A lei indica que o orzamento municipal deber estar aprobado antes do 31 de decembro do ano anterior, en Oza-Cesuras levan un ano de retraso e aínda así o goberno municipal recorreu a convocatorias extraordinarias e o orzamento non foi informado”

O BNG votará en contra do orzamento municipal para o ano 2025

Oza dos Ríos, 23 de decembro de 2025.- O BNG de Oza-Cesuras presentou alegacións ao orzamento municipal para o ano 2025 e anunciou o seu voto en contra da aprobación  definitiva. “Estamos a tres días de rematar o ano e o PP, que goberna con maioría absoluta, non foi quen de aprobar o orzamento ao longo dun ano, isto é unha mostra máis da incompetencia do goberno municipal, ademais culpan deste retraso ás empregadas que están de baixa”, explicou Estefanía Busto, voceira do BNG no concello. 

“O gasto en órganos de goberno local segue medrando e ascende xa a 105.047,04  euros, dos que máis de 45.000 son o salario do alcalde.  Ademais de 30.000 en atencións protocolarias, 5.000 propaganda ou 22.000 en dietas”, informou a concelleira nacionalista. “Estas cifras parécennos escandalosas para un concello que apenas sobre pasa os 5000 habitantes, ademais alcalde pode cobrar dietas e locomocións por desprazarse de Oza a Cesuras”, censurou Busto.

“Non se nos deu ningún tipo de participación na elaboración deste orzamento, desde o BNG defendemos que a veciñanza poida opinar e decidir en que se gastan os cartos públicos”, reclamou Busto. “A lei indica que o orzamento municipal deber estar aprobado antes do 31 de decembro do ano anterior, en Oza-Cesuras levan un ano de retraso e aínda así o goberno municipal recorreu a convocatorias extraordinarias para a aprobación inicial e definitiva, sen que fose informado e saltándose os procesos administrativos que fixa a lei, polo que recorreremos esta convocatoria” explicou a concelleira nacionalista.

 “Afondando no tema da transparencia, unha vez máis a metade dos fondos para subvencións será destinado para subvencións nominativas. Cuestionamos esta forma de adxudicar as subvencións, que vai en contra da lei de subvencións, trátase de cartos que o alcalde vai entregar “a dedo”. Tamén, como todos os anos outros 10.000 que se reserva o alcalde para facer clientelismo e que lle adxudica a quen el considere” informou a voceira nacionalista. “O lóxico sería elaborar unha orde de subvencións de xeito participativo, cun acordo entre os grupos e a veciñanza, xa que se trata de cartos de todos”, concluíu a voceira nacionalista.

O BNG votará en contra do orzamento municipal para o ano 2025