O BNG de Oza Cesuras esixe o fin da precariedade no SAF e denuncia o “esquecemento” das súas traballadoras por parte do goberno local

Estefanía Busto: “O goberno municipal, como responsábel último do servizo, non pode seguir mirando para outro lado mentres se incumpren os convenios e se atrasan os pagamentos”

O BNG de Oza Cesuras esixe o fin da precariedade no SAF e denuncia o “esquecemento” das súas traballadoras por parte do goberno local

Oza Cesuras, 24 de abril de 2026. O BNG de Oza Cesuras, a través da súa portavoz, Estefanía Busto, defendeu este venres no Pleno que se garanta o cumprimento dos dereitos laborais das empregadas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A formación nacionalista denuncia unha situación de precariedade laboral “insostíbel” nun servizo fundamental para o coidado das veciñas e veciños máis vulnerábeis.

As nacionalistas subliñan que, “malia ser un piar do sistema público de coidados, as traballadoras do SAF sofren unha realidade laboral que dista moito de ser digna”. Entre os principais problemas detectados destacan o bloqueo da negociación colectiva, a falta de actualización salarial vinculada ao IPC e o incumprimento das táboas salariais por parte das empresas adxudicatarias.

“Non podemos permitir que un servizo esencial se sustente sobre a explotación das mulleres”, denuncia Estefanía Busto. “O goberno municipal, como responsábel último do servizo, non pode seguir mirando para outro lado mentres se incumpren os convenios e se atrasan os pagamentos”, engade.

Unha das principais críticas, tanto da formación nacionalista como das propias traballadoras, céntrase na xestión dos desprazamentos nun concello rural e disperso como Oza Cesuras. Segundo expuxo o BNG no pleno, moitos traxectos non computan como tempo de traballo efectivo e a compensación por quilometraxe resulta claramente insuficiente, situándose en apenas 18 céntimos por quilómetro.

“É unha vergoña que, nun concello coa nosa dispersión, as traballadoras teñan que poñer cartos do seu peto para poder traballar. Pagar o quilómetro a 18 céntimos é unha falta de respecto ao seu esforzo e profesionalidade”, denunciou a portavoz nacionalista.

Con esta moción, o BNG buscaba reverter unha situación que segue a precarizar as condicións laborais das traballadoras do SAF e instaba ao goberno municipal a fiscalizar de maneira efectiva o cumprimento, por parte da empresa concesionaria, do pagamento de atrasos, o recoñecemento dos tempos de desprazamento e o respecto estrito ao convenio colectivo. Ademais, propoñía incorporar cláusulas sociais nos contratos que eviten que a oferta económica sexa o único criterio de adxudicación, primando aspectos como a estabilidade laboral e as melloras salariais.

Porén, o goberno municipal do PP, lonxe de asumir responsabilidades sobre un servizo que presta, votou en contra da iniciativa. O alcalde xustificou esta posición sinalando que, “se había algún problema, que fosen á inspección de traballo”. Desde o BNG de Oza Cesuras lamentan, unha vez máis, o que cualifican de comportamento impropio dun representante público, así como a falta de vontade política do executivo local, “que non fai máis que desoír as demandas xustas das traballadoras”.

Crítica ao modelo de xestión e á Xunta de Galiza

O BNG tamén sinala a insuficiencia do financiamento autonómico do SAF. Aínda que se anunciou un incremento progresivo, as nacionalistas lembran que o PP, desde o goberno da Xunta, rexeitou situar o prezo do servizo entre os 22 e os 24 euros por hora, rango que os sindicatos consideran necesario para garantir a súa viabilidade.

Para o BNG, “o actual modelo de privatización impulsado polo PP prioriza o beneficio empresarial por riba do benestar social”, comprometendo tanto as condicións laborais das traballadoras como a calidade da atención ás persoas usuarias.

O BNG de Oza Cesuras esixe o fin da precariedade no SAF e denuncia o “esquecemento” das súas traballadoras por parte do goberno local