O BNG de Oza-Cesuras denuncia outro episodio de “escurantismo e desprezo polas normas democráticas” do goberno do PP e impugnará a convocatoria de pleno

Estefanía Busto: “O alcalde está decidido a gobernar sen control, sen diálogo e sen dar explicacións, ignorando deliberadamente os procedementos legais e fuxindo de calquera rendición de contas”

O BNG de Oza-Cesuras denuncia outro episodio de “escurantismo e desprezo polas normas democráticas” do goberno do PP e impugnará a convocatoria de pleno

Oza dos Ríos, 25 de novembro de 2025. O BNG de Oza-Cesuras vén de presentar un recurso de reposición para impugnar a convocatoria do Pleno extraordinario previsto para mañá, ao entender que o alcalde vulnerou de maneira consciente o procedemento legal ao omitir o preceptivo ditame da Comisión Informativa. Para a portavoz nacionalista, Estefanía Busto, esta práctica evidencia “unha forma de gobernar baseada na imposición e na falta de rigor democrático”.

Segundo explica a concelleira, o goberno local introduciu a aprobación inicial do orzamento para o ano 2025, co ano a punto de rematar, na orde do día sen que pasase pola Comisión Informativa, órgano que por lei debe avaliar e informar previamente todos os asuntos que se elevarán ao Pleno. “O PP pretende aprobar decisións importantes sen garantías nin control, anulando de facto o papel da oposición”, critica Busto.

Un patrón reiterado de prácticas antidemocráticas

O BNG subliña que este novo episodio non é un caso illado, senón a continuidade dun xeito de gobernar marcado pola falta de transparencia, o abuso das convocatorias extraordinarias e o bloqueo sistemático das ferramentas de fiscalización. Nos últimos meses, o PP deixou de convocar plenos ordinarios  e alterou sen xustificación as datas previamente aprobadas polo propio Pleno. Ao tempo, quixo adoptar decisións ilegais, como tentar que o Concello asumise o pagamento de facturas das festas parroquiais de Oza malia os informes negativos de intervención, nun intento evidente de trasladar responsabilidades ilegítimas á corporación.

“Todo isto revela un patrón moi claro: o alcalde está decidido a gobernar sen control, sen diálogo e sen dar explicacións, ignorando deliberadamente os procedementos legais e fuxindo de calquera rendición de contas”, afirma a portavoz do BNG.

As nacionalistas lembran ademais que, no último pleno ordinario, o alcalde González Cacheiro obrigou a votar a urxencia dunha moción do BNG para evitar o seu debate. “Era unha proposta para mellorar a transparencia e o acceso á información municipal”, sinala Busto, “pero o PP preferiu impedir a súa votación antes que deixar ao descuberto o seu rexeitamento a medidas democráticas básicas”.

O BNG recorrerá aos mecanismos de protección democrática

Ante esta nova vulneración das normas básicas de funcionamento institucional, o BNG anuncia que levará o caso á Valedoría do Pobo, como xa fixo noutras ocasións, para denunciar “a deriva antidemocrática” do goberno local e pedir amparo fronte a unha actitude que “falta ao respecto aos dereitos da oposición e, en última instancia, á veciñanza que esta representa”.

“Non imos permitir que o PP converta o Concello nun espazo opaco e sen garantías. Defenderemos sempre, e por todas as vías, os dereitos democráticos que o alcalde pretende pisotear”, conclúe Busto.

O BNG de Oza-Cesuras denuncia outro episodio de “escurantismo e desprezo polas normas democráticas” do goberno do PP e impugnará a convocatoria de pleno