O BNG denuncia un novo atraso na execución das obras na ponte da vía do tren en Oza dos Ríos

Estefanía Busto, portavoz do BNG de Oza-Cesuras: “O único que vemos é un auténtico xogo de ping-pong administrativo no onde se pasan a pelota duns a outros mentres a veciñanza de Oza-Cesuras segue sen ver unha obra que debería estar rematada na primavera de 2024

O BNG denuncia un novo atraso na execución das obras na ponte da vía do tren en Oza dos Ríos

Oza-Cesuras, 23 de setembro. O Bloque Nacionalista Galego denuncia o continuo bloqueo na execución da obra de mellora da seguridade viaria na estrada AC-840, ao seu paso polo núcleo de Oza dos Ríos.

O paso inferior baixo a vía férrea, onde a anchura da calzada impide a existencia de beirarrúas e obriga á convivencia de vehículos e peóns, adxudicado xa en 2023, continúa sen iniciarse malia as reiteradas reclamacións veciñais e do propio BNG. “Estamos a falar dun perigo evidente e diario para a veciñanza, non dunha obra menor que poida seguir adiándose indefinidamente”, advertiu a portavoz municipal do BNG, Estefanía Busto.

Nunha resposta escrita remitida en xullo, a Xunta aseguraba que a execución non comezara por estar pendente da autorización de ADIF. Pola súa parte, o Goberno do Estado, apuntaba no mes de setembro que o expediente seguía aberto porque a Axencia Galega de Infraestruturas non achegara a documentación requirida, nomeadamente o informe “AsBo”, que recolla unha análise de riscos.

“Ante a falta de claridade e transparencia tanto por parte da Xunta como do Estado,  o único que vemos é un auténtico xogo de ping-pong administrativo no onde se pasan a pelota duns a outros mentres a veciñanza de Oza-Cesuras segue sen ver unha obra que debería estar rematada na primavera de 2024”, criticou Busto, quen esixiu que ambas administracións dean explicacións claras sobre os prazos e responsabilidades.

O BNG vén de rexistrar iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso para obrigar Xunta e Goberno a dar conta das súas actuacións e cales son as súas responsabilidades neste atraso. “Non podemos permitir que esta obra quede atrapada na burocracia. Está adxudicada, é urxente e ten que executarse de inmediato”, concluíu Busto.

O BNG denuncia un novo atraso na execución das obras na ponte da vía do tren en Oza dos Ríos