O BNG de Oza-Cesuras logra o acordo para mellorar a seguridade viaria no Castiñeiro
Estefanía Busto: “Demandamos do concello que faga as actuacións necesarias na estrada da súa titularidade, especialmente no cruzamento, co obxectivo de garantir a seguridade viaria no núcleo do Castiñeiro”
Oza dos Ríos, 13 de novembro de 2025. O BNG de Oza-Cesuras logrou o apoio plenario da súa moción para garantir a seguridade viaria na AC-840 ao seu paso polo núcleo do Castiñeiro. “O noso concello está atravesado pola estrada AC-840, unha vía cunha alta densidade de tráfico e numerosos puntos nos que se ve comprometida a seguridade viaria, tanto para os vehículos como para os peóns”, explicaba a portavoz municipal do BNG, Estefanía Busto.
A nacionalista quixo poñer o foco en que “un deses puntos é o cruzamento da AC-840 coa CP-0160 e a estrada da estación, o coñecido como “Cruce do París”, moi transitado por vehículos e persoas, especialmente para o acceso ao centro de saúde”.
No texto, o BNG facía énfase en que a visibilidade para incorporarse á AC-840 desde ambas estradas é en moitas ocasións nula, o que obriga a manobras perigosas, tanto para peóns como para os coches, e no último ano xa se produciron varios sinistros nese punto.
“Hai razóns suficientes, polo que demandamos do Concello que faga as actuacións necesarias na estrada da súa titularidade, especialmente no cruzamento, co obxectivo de garantir a seguridade viaria no núcleo do Castiñeiro”, expuxo a portavoz do BNG. “Do mesmo xeito tamén solicitamos a colaboración da Xunta de Galiza para realizar as melloras necesarias na AC-840”, concluíu Busto.