O BNG reclama á Xunta que execute "canto antes" a dragaxe do porto de Miño e explique os motivos do atraso
Mercedes Queixas: "A Xunta non cumpriu cos seus propios prazos para unha actuación comprometida, contratada e presentada como prioritaria pola situación do porto de Miño”
Alberte G. Nicolás: "O porto non pode seguir esperando. A Xunta debe deixar de adiar esta actuación, explicar o motivo do atraso e executar as obras canto antes"
Miño, 29 de xuño de 2026. O BNG vén de rexistrar no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta de Galiza a execución inmediata das obras de dragaxe do porto de Miño e esixir explicacións polos atrasos acumulados nunha actuación que o propio Goberno galego anunciara para a primavera de 2026 e que continúa sen comezar.
A deputada do BNG, Mercedes Queixas, criticou que "a Xunta non cumprise os seus propios prazos para unha actuación comprometida, contratada e presentada como prioritaria pola situación do porto de Miño. O mínimo que merece a veciñanza é coñecer por que non se executou no prazo anunciado e cando pensa o goberno galego cumprir co seu compromiso", afirmou.
O BNG lembra que a Consellería do Mar anunciou no mes de febreiro un investimento de 1,3 millóns de euros para as dragaxes dos portos de Miño, Barallobre e Pontedeume, situando o de Miño como a primeira actuación debido á perda de calado que sofre desde hai anos. Porén, rematada xa a primavera, a Xunta de Galiza non ofreceu ningunha explicación sobre as causas do adiamento nin fixou unha nova data para o inicio das obras.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás, advertiu de que "esta incerteza está a prexudicar directamente ás usuarias do porto". "As embarcacións teñen que planificar con antelación a súa saída para permitir a dragaxe e atopámonos con usuarias que xa levaron o amarre a outros portos ou que manteñen as embarcacións en terra, coas molestias que isto provoca", explicou.
As nacionalistas lembran que a perda de calado do porto de Miño é un problema recorrente que afecta á actividade profesional e recreativa, dificulta as manobras e compromete a seguridade da navegación. "O porto non pode seguir esperando. A Xunta debe deixar de adiar esta actuación, explicar o motivo do atraso e executar as obras canto antes", concluíu o portavoz municipal.