O BNG de Miño vota contra uns orzamentos “continuistas e feitos de costas á oposición e á veciñanza”
O concelleiro nacionalista, Alberte G. Nicolás, criticou que o executivo municipal “incumpriu a súa palabra de avaliar as achegas dos diferentes grupos municipais aos orzamentos”
Entre as achegas do BNG figuraban medidas como o reforzo das partidas de emerxencia social e prevención da exclusión, a mellora da seguridade viaria mediante repintado da sinalización horizontal e actuacións de calmado do tráfico, a instalación de pictogramas en espazos públicos para facilitar a inclusión de persoas con TEA ou a posta en marcha dun plan integral de mantemento de beirarrúas, camiños e sumidoiros en todas as parroquias
Miño, 27 de maio de 2026. O BNG de Miño votou onte en contra da aprobación inicial do orzamento municipal para 2026 nun debate plenario marcado pola tensión e pola ausencia de diálogo do goberno local do PSOE. O concelleiro nacionalista, Alberte G. Nicolás, criticou que o executivo municipal “incumpriu a súa palabra de avaliar as achegas dos diferentes grupos municipais aos orzamentos”.
O portavoz do BNG lembrou que no mes de decembro de 2025 o seu grupo rexistrou un documento con achegas e propostas orzamentarias “coa máxima vontade de acordo e co único obxectivo de mellorar Miño”, mais denunciou que desde entón “a resposta do goberno foi o silencio absoluto: nin chamadas, nin reunións, nin vontade de sentarse a falar”. “O PSOE falou no anterior debate orzamentario de ser un goberno colaborador con todo o mundo, mais quedou demostrado que era só un discurso de cara á galería”, sinalou.
As nacionalistas subliñan ademais que “non só faltou vontade de escoitar ao BNG, senón tamén ao conxunto da veciñanza”, lembrando que no pleno de febreiro xa quedou patente “a negativa do goberno municipal a abrir mecanismos reais de participación cidadá ou a impulsar uns orzamentos participativos”. Desde o BNG apuntan que “o problema non é só a falta de diálogo coa oposición, é a falta de vontade política para contar coa veciñanza nas decisións importantes do concello”.
Desde o BNG insisten en que o seu apoio ao orzamento estaba condicionado á existencia dun diálogo previo que o goberno local optou por non manter. “Se o goberno municipal tivese vontade de cumprir coa súa palabra, poderíanse ter explorado acordos, pero optaron pola autocompracencia”, afirmou o portavoz nacionalista, que responsabilizou directamente ao alcalde da falta de consenso arredor das contas.
As nacionalistas consideran especialmente grave que o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, optase desde o inicio do debate “por un ton bronco e de confrontación”, chegando incluso a “facer oposición á oposición” en lugar de explicar os motivos polos que o goberno non cumpriu o compromiso de abrir conversas sobre as achegas presentadas polo BNG. “Foi incapaz de xustificar por que nunca respondeu ás propostas rexistradas hai meses”, apuntan.
Entre as achegas do BNG figuraban medidas como o reforzo das partidas de emerxencia social e prevención da exclusión, a mellora da seguridade viaria mediante repintado da sinalización horizontal e actuacións de calmado do tráfico, a instalación de pictogramas en espazos públicos para facilitar a inclusión de persoas con TEA ou a posta en marcha dun plan integral de mantemento de beirarrúas, camiños e sumidoiros en todas as parroquias. No BNG de Miño apuntan que “ante a falta de argumentos para non incluír estas propostas no orzamento”, o goberno municipal preferiu “descualificalas ao insinuar que non eran medidas razoábeis”.
“O que o PSOE considera pouco razoábel son medidas básicas para mellorar a vida da veciñanza e atender problemas reais do día a día”, criticou o concelleiro. “Nós seguiremos facendo propostas útiles e construtivas para Miño, porque ese é o noso compromiso coa veciñanza, e agardamos que despois das municipais poidamos poñelas en práctica”, concluíu.