O BNG insta ao goberno local a solicitar a nova axuda da Deputación para a recuperación da memoria das vítimas da represión franquista
Alberte G. Nicolás: “Pedimos ao goberno local a solicitar esta axuda para dignificar a memoria das veciñas e veciños vítimas da barbarie fascista -que no noso caso cóntase por ducias-, que a día de hoxe non teñen ningún recoñecemento público”
Miño, 23 de marzo de 2026. O BNG solicita ao goberno local que solicite a nova subvención da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, dirixida a concellos de menos de 10.000 habitantes para actuacións vinculadas coa memoria democrática, para investigar e dar a coñecer os episodios históricos das veciñas e veciños de Miño represaliadas polo Franquismo.
“Esta nova liña de subvención, ademais de estabelecer axudas para a retirada de simboloxía franquista en espazos públicos, recolle tamén a realización de actividades de recuperación e divulgación da memoria democrática e a sinalización e posta en valor de espazos de memoria e actos de homenaxe ás vítimas do franquismo”, explicou o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás.
Desde o BNG, instan ao goberno local a solicitar esta axuda para dignificar a memoria das veciñas e veciños vítimas da barbarie fascista -que no noso caso cóntase por ducias-, que a día de hoxe non teñen ningún recoñecemento público. “Algúns exemplos de vítimas do franquismo en Miño son José Mougán Alfonsín, Francisca López del Río, Manuel Palmeiro Romero, ou asasinados nos anos 30, Cesáreo Blanco Fernández, José María Blanco Barros `Violín´ ou José Varela Bouza `Pepe o Lobo´”, engadiu o voceiro nacionalista.
“Esta solicitude está abalada polo acordo plenario de setembro de 2024, no que, a proposta do BNG co apoio do PSOE e a abstención do PP, ademais do recoñecemento e homenaxe á figura de María Vázquez, mestra de Miño represaliada, pedíase tamén investigar e dar a coñecer a outras veciñas e veciños de Miño represaliadas polo Franquismo”, indicou o portavoz do BNG.
“Vimos de rexistrar un escrito no que solicitamos que o goberno de Miño participe nesta liña de subvencións para recuperar a memoria democrática no noso concello”, concluíu Alberte G. Nicolás.