O BNG de Miño critica a falta de planificación do goberno municipal para a tempada de verán

Alberte G. Nicolás denuncia que o Concello chega “un ano máis tarde e mal preparado” ao comezo da campaña estival, sen completar actuacións básicas nas praias do municipio

O BNG de Miño critica a falta de planificación do goberno municipal para a tempada de verán

Miño, 6 de xullo de 2026. O BNG de Miño denunciou a falta de planificación do goberno municipal no inicio da tempada de verán, que comezou oficialmente o pasado 15 de xuño, ao considerar que o Concello aínda mantén pendentes actuacións básicas nas praias do municipio. Para o portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, esta situación “volve demostrar que o goberno local improvisa un ano máis a xestión da época de maior actividade de Miño”.

Entre as deficiencias detectadas, o BNG sinala que na Praia Grande aínda non foi instalada a pasarela accesíbel que permite ás persoas con mobilidade reducida acceder á area. Trátase dunha infraestrutura que habitualmente se coloca xunto ao posto de socorrismo e que segue sen estar dispoñíbel, malia que o propio Concello publicita a Praia Grande como un areal accesíbel.

“O dereito ao lecer e ao acceso ás praias ten que estar garantido desde o primeiro día da tempada, non cando o goberno municipal considere oportuno”, afirmou o portavoz nacionalista. “Non ten sentido anunciar unha praia como accesíbel cando unha persoa en cadeira de rodas non pode acceder á area porque falta unha infraestrutura que lle é básica”, engadiu.

As nacionalistas tamén advirten doutros problemas menores, pero que consideran igualmente evitábeis cunha planificación axeitada. É o caso do lavapés da Praia Grande que verte a auga directamente sobre o paseo marítimo, provocando acumulacións de auga e molestias para as persoas que transitan pola zona. Ademais, segue á vista parte da instalación de abastecemento das antigas duchas, ofrecendo unha imaxe de abandono nun dos espazos máis concorridos do municipio.

O BNG tamén cuestiona a demora no inicio do servizo de socorrismo na praia da Ribeira, que non comezou até esta última fin de semana, a pesar de que a tempada de verán levaba xa vinte días iniciada. “A Ribeira é unha praia moi utilizada pola propia veciñanza de Miño e non se entende que quedase sen este servizo durante boa parte do inicio da campaña estival”, sinalou o portavoz nacionalista.

Así mesmo, sinalan que o Concello aínda non instalou os campos de fútbol e voleibol que tradicionalmente se colocan nesta praia despois do San Xoán, privando ás persoas usuarias dun equipamento que forma parte da oferta habitual de lecer durante o verán.

Para Alberte G. Nicolás, “o problema xa non é unha actuación concreta, senón a falta de planificación que se repite todos os anos”. “O traballo de preparación da tempada estival debe facerse durante os meses previos para que, cando chega o verán, todo estea listo e a veciñanza e as visitantes poidan gozar das praias nas mellores condicións. Non é razoábel que cada ano comecemos a campaña con tarefas básicas sen rematar”, concluíu.

O BNG de Miño critica a falta de planificación do goberno municipal para a tempada de verán