O BNG de Irixoa reclama garantir o acceso a internet de toda a veciñanza
Irixoa, 11 de xuño de 2026. O BNG de Irixoa reclama ao Goberno municipal que adopte as medidas necesarias para garantir o acceso a internet de calidade en todo o territorio do concello, evitando que ningunha parroquia ou núcleo de poboación poida quedar atrás no acceso ás telecomunicacións.
A formación nacionalista trasladou esta preocupación ao pleno municipal, onde preguntou pola situación da instalación da fibra óptica no concello. Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Sergio Boado, existen casos de veciñas e veciños que xa dispoñen de fibra mentres que outras persoas, mesmo en zonas próximas, están a recibir a resposta de que deben asumir o custo da colocación de postes para poder acceder ao servizo.
Desde o BNG lembran que o Concello debe ter como obxectivo garantir a cobertura de fibra en todo o territorio e para iso piden que leve a cabo as xestións necesarias coas empresas provedoras e con outras administracións.
“Neste momento atopámonos con vivendas que teñen acceso á fibra e outras non, ou ás que se lles pide asumir custos adicionais para poder conectarse. É necesario aclarar cal é a situación real do convenio asinado e que medidas vai adoptar o Concello para garantir que a fibra chegue a toda a veciñanza en igualdade de condicións”, sinalou Boado.
A formación nacionalista lembra que, en pleno século XXI, a conexión a internet é xa un servizo básico para a vida diaria de moitas persoas, ademais de ser clave para o desenvolvemento social e económico do medio rural, contribuíndo tamén a fixar poboación e a facilitar novas oportunidades laborais e empresariais. “O Concello debe asumir un papel activo para defender os intereses da veciñanza e reclamar ás administracións competentes e ás empresas operadoras que cumpran co seu deber de garantir a conectividade en todo o territorio”, subliña Boado.