O BNG pide que a Xunta restableza o servizo sanitario a xornada completa no centro de saúde de Irixoa

Mercedes Queixas: “Nas últimas semanas a consulta médica só atende en días indeterminados e con horarios reducidos que non superan as tres horas durante a mañá”
O BNG pide que a Xunta restableza o servizo sanitario a xornada completa no centro de saúde de Irixoa

Irixoa, 12 de novembro de 2024.- O BNG pide que a Xunta restableza o servizo sanitario a xornada completa no centro de saúde de Irixoa. “Nas últimas semanas as pacientes que acoden ao centro de saúde de Irixoa comproban en primeira persoa o total abandono: a consulta médica só atende en días indeterminados e con horarios reducidos que non superan as tres horas durante a mañá”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. 

“A veciñanza do concello de Irixoa está a sufrir as consecuencias do desmantelamento continuado da sanidade pública dirixido polo Partido Popular no conxunto do noso país. Un centro sanitario que xa só contaba cun profesional de medicina familiar”, engadiu a deputada nacionalista. 

“Isto obriga os veciños e veciñas de Irixoa a se desprazaren a Betanzos, coa afectación que isto supón para a propia saúde das pacientes e mais co problema engadido de obrigar a dispor dun medio de desprazamento privado”, explicou o concelleiro do BNG en Irixoa, Sergio Boado. 

“Á vista de que esta desatención da saúde vai en aumento, os veciños e veciñas de Irixoa trasládannos ao grupo parlamentario do BNG unha preocupación que tamén medra polo desamparo que supón a perda continuada de acceso á sanidade pública de proximidade á que teñen dereito”, concluíu a deputada nacionalista. 

O BNG pide que a Xunta restableza o servizo sanitario a xornada completa no centro de saúde de Irixoa