O BNG reclama de novo no Parlamento a restitución do servizo médico en horario completo no centro de saúde de Irixoa

Mercedes_Queixas

Mercedes Queixas: “Lonxe de resolverse o problema da atención sanitaria en Irixoa, avanza na desatención: nesta altura é imposíbel acceder a unha cita de medicina familiar antes dunha semana e só en horario de 8 a 10 da mañá”

O BNG reclama de novo no Parlamento a restitución do servizo médico en horario completo no centro de saúde de Irixoa

Irixoa, a 10 de xaneiro de 2025. O BNG reclama de novo no Parlamento a restitución do servizo médico en horario completo no centro de saúde de Irixoa.  “Nos últimos meses as pacientes que acudían ao centro de saúde de Irixoa comprobaban en primeira persoa o total abandono por parte da Xunta: a consulta médica só atendía en días indeterminados e con horarios reducidos que non superaban as tres horas durante a mañá. Esta situación, lonxe de se ir resolvendo por parte do goberno, avanza na desatención: nesta altura é imposíbel acceder a unha cita de medicina familiar antes dunha semana e só en horario de 8 a 10 da mañá”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.

“Atopar unha cadeira baleira na consulta médica obriga os veciños e veciñas de Irixoa a se desprazaren a Betanzos, coa afectación que isto supón para a propia saúde das pacientes e máis co problema engadido de obrigar a dispor dun medio de desprazamento privado”, engadiu a deputada nacionalista.

“A veciñanza de Irixoa non atopa resposta ante o abandono da Xunta; un sentimento que partillamos desde o BNG quen, asemade, comproba máis unha vez a falta de decoro e respecto do PP pola cámara galega ao non ter respondido ás preguntas rexistradas o pasado 11 de novembro de 2024”, criticou Queixas.

“Á vista de que esta desatención da saúde vai en aumento, os veciños e veciñas de Irixoa trasládannos de novo ao grupo parlamentario do BNG unha preocupación que tamén medra polo desamparo que supón a perda continuada de acceso á sanidade pública de proximidade á que teñen dereito”, concluíu.

O BNG reclama de novo no Parlamento a restitución do servizo médico en horario completo no centro de saúde de Irixoa