O BNG pediu ao goberno local que vixile o cumprimento da ordenanza sobre talas forestais para garantir o bo estado das vías municipais

Sergio Boado: “Pensamos que é fundamental garantir a convivencia entre este sector e o conxunto da veciñanza e para iso é necesario cumprir as normas que entre todas temos aprobadas”
Irixoa, 15 de abril de 2025. O BNG pediu ao goberno local que vixile o cumprimento da ordenanza sobre talas forestais para garantir o bo estado dos camiños e pistas. “O Concello de Irixoa conta cunha ordenanza que regula a plantación e tala de árbores na que se regula ademais das zonas permitidas para a explotación forestal as condicións das talas e que estas non deben afectar ao estado das vías públicas do concello”, explicou o portavoz do BNG, Sergio Boado.
“Sen embargo, no BNG vimos recibindo queixas da veciñanza de varias parroquias e lugares en relación coa situación en que se encontran os camiños e pistas municipais debido ao peso que soportan polos camións que trasladan madeira destas talas”, engadiu.
“Esta ordenanza municipal está en vigor desde o ano 2013, pero non se ven aplicando no referente á necesidade de que os camiños e vías públicas, e como consecuencia toda a veciñanza, non sufran desperfectos como consecuencia desta actividade”, explicou o portavoz do BNG. “A responsabilidade destes amaños non pode recaer no Concello, ademais de non corresponderlle, detraería fondos para atender outros servizos ou investimentos que si que son da súa competencia”, apuntou.
“A actividade relacionada coa tala de madeira é unha das máis importantes, xunto coa produción agro-gandeira, do noso concello con varias empresas que se dedican a este sector e dan traballo a veciños do noso concello e outros concellos limítrofes. Por iso desde o BNG pensamos que é fundamental garantir a convivencia entre este sector e o conxunto da veciñanza e para iso é necesario cumprir as normas que entre todas temos aprobadas”, concluíu o voceiro nacionalista, Sergio Boado.