O BNG de Miño presentará alegacións para mellorar os orzamentos municipais

Alberte G. Nicolás: “En ningún momento existiu vontade de interlocución por parte do goberno na elaboración das contas nin tampouco de incluír acordos plenarios como a declaración das Marismas do Baxoi como ENIL ou aplicar medidas de inclusión de colectivos vulnerábeis”
O BNG de Miño presentará alegacións para mellorar os orzamentos municipais

Miño, 8 de abril de 2025. O BNG de Miño anunciou no pleno extraordinario celebrado no día de onte para a aprobación inicial do orzamento municipal para 2025 que presentará alegacións co obxectivo de mellorar as contas e dar cumprimento a acordos acadados polo propio pleno e que o goberno municipal non atende.

As nacionalistas aseguraron que esta situación “xa a vivimos”, debido a que a proposta chega fóra de prazo e, ademais de ser moi similares a outros anos, o goberno do PSOE “dá unha vez máis as costas a medidas mesmo aprobadas polo pleno municipal”.

“Desde o BNG non poñemos en dúbida o positivo que é que estes sexan os orzamentos máis altos da historia do concello como o PSOE pretende facer crer a veciñanza”, expuxo o portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás. “O que si quixemos destacar foi que ese aumento débese ao pago de nova débeda, o que non se traduce en máis servizos, ou que inclúen transferencias doutras administracións, como a Deputación da Coruña, que non poderían aparecer no orzamento inicial se fose aprobado en prazo”.

Outras partidas que aumentan considerabelmente son as do Servizo de Atención no Fogar ou do mantemento de parques e xardíns. Desde o BNG apuntan que eran contratos que debían actualizarse co fin de mellorar o servizo que, no caso do SAF, acumulaba queixas tanto de usuarias como de traballadoras.

Para o BNG, o orzamento presentado polo goberno municipal do PSOE non podía contar co seu apoio porque en ningún momento existiu vontade de interlocución por parte do goberno na elaboración das contas nin tampouco de incluír acordos plenarios como a declaración das Marismas do Baxoi como ENIL ou aplicar medidas de inclusión de colectivos vulnerábeis.

“Está claro que se do BNG dependese, o orzamento sería diferente, porque sempre haberá matices, filias e fobias na redacción do documento. Mais o que vemos é unha falta de consideración do goberno municipal ao propio pleno e os acordos que toma”, aseverou o voceiro. “É por iso que desde o BNG presentaremos alegacións a este orzamento, sempre coa man tendida ao goberno municipal, coa intención de melloralo e poder facer realidade os acordos que o pleno municipal acadou”, concluíu.

Carácter antidemocrático do PSOE

Desde o BNG afean o comportamento do alcalde da localidade, Vázquez Faraldo, cando na última intervención do pleno deslizou a idea de que ía existir unha demora na entrada en vigor do orzamento por culpa do Bloque Nacionalista Galego.

O voceiro municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, tivo que tomar a palabra para “evitar que a veciñanza pensase o BNG teña culpa algunha” en que os orzamentos non se aproben definitivamente até resolver as alegacións que calquera persoa pode presentar.

“Parece que molesta que lembremos que o orzamento debe estar aprobado definitivamente antes do comezo do ano, como se dependese dun único concelleiro do BNG e non da falta de planificación dun goberno do PSOE con maioría absoluta”, aclarou Alberte G. Nicolás.

A formación soberanista tamén foi sorprendida cando o alcalde miñense manifestou que “o BNG non achegou ningunha proposta na comisión informativa”, o que para elas só amosa un descoñecemento de como funciona a propia institución que goberna.

“Agardamos que o orzamento do 2026 sexa presentado dentro dos prazos que marca a lei e, se o goberno municipal ten vontade de diálogo, que consulte ao resto das forzas políticas presentes no pleno municipal e así evite facerse de novo a vítima”, concluíu.

O BNG de Miño presentará alegacións para mellorar os orzamentos municipais