O BNG presenta alegacións ao novo proxecto de pasarela nas Marismas do Baxoi para garantir a súa protección ambiental
Alberte G. Nicolás advertiu que tanto a pasarela sobre as Marismas do Baxoi como esta senda forman parte do mesmo proxecto mais foron tramitadas por separado xa que “a primeira carecería de toda lóxica sen a segunda”
Diante dun investimento total de case 2 millóns de euros, desde o BNG de Miño sinalan que existen alternativas que “requirirían menos investimento e solucionarían as necesidades de mobilidade da veciñanza”
Miño, 28 de xaneiro de 2025. O BNG de Miño vén de rexistrar a semana pasada alegacións á nova senda que o Concello de Miño proxectou no litoral das Marismas do Baxoi. No texto presentado as nacionalistas lembran que hai lexislación ambiental que o proxecto non valora ou que a xustificación da necesidade é enormemente feble.
“O proxecto que estivo a exposición pública recolle que esta nova senda viría a recortar tempos de desprazamento e mellorar a mobilidade da contorna e obvia por completo que xa hai camiños municipais que conectan a ponte do Puzo coa ponte da Praia Grande”, sinala o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás. “Por se fose pouco, a nova senda sería 250 metros máis longa que a actual alternativa e suporía un investimento de case 800.000 euros, un investimento pouco necesario e máis se atendemos a outras actuacións que precisa o concello de forma prioritaria”, apuntou.
A formación nacionalista volveu poñer de manifesto que o propio goberno municipal está a tramitar a declaración como ENIL (Espazo Natural da Interese Local) este espazo, que tamén está incluído nas propostas de ampliación da Rede Natura tanto de 2008 como de 2012 da Xunta de Galiza e, recentemente, declarada como ZEPA e integrada no Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico Occidental. Sinalan que é necesaria unha protección ambiental previa para evitar danos irreparábeis e, vendo a actuación do goberno municipal, pódese entrever unha total despreocupación cara o patrimonio natural da localidade.
“Volvemos denunciar que o goberno local do PSOE retorce a realidade para facer encaixar a pasarela aos seus intereses, que desde o BNG entendemos que son completamente enfocadas ao turismo e utilizan a veciñanza de Bañobre como coartada”, denuncia o representante do BNG.
Na súa intervención, advertiu que tanto a pasarela sobre as Marismas do Baxoi como esta senda forman parte do mesmo proxecto mais foron tramitadas por separado xa que “a primeira carecería de toda lóxica sen a segunda”. Mais tamén lembrou que “en ningún momento se fala da pegada ambiental ou o custo do mantemento das estruturas de madeira” nun ambiente mariño inserido nun corredor migratorio de aves.
Alternativas coa veciñanza no centro
Diante dun investimento total de case 2 millóns de euros, desde o BNG de Miño sinalan que existen alternativas que “requirirían menos investimento e solucionarían as necesidades de mobilidade da veciñanza”.
“Trátase duns proxectos que son inasumíbeis para as arcas municipais e, de lograr fondos estatais, poderían dedicarse a facer un camiño seguro desde a Ponte Baxoi até Miño paralelo á N651”, sinalou Alberte G. Nicolás. “Aproveitando os treitos da antiga estrada poderíase lograr unha conexión entre Bañobre-Ponte Baxoi e Miño moito máis rápida e que dea servizo tamén ao núcleo da Prata e mellore a seguridade viaria das usuarias da liña de autobús, que a día de hoxe vense na obriga de camiñar por tramos de estrada sen beiravía”, concluíu.
Por outra banda, as nacionalistas tamén sinalan que hai outras propostas trasladadas ao Pleno e que o goberno municipal rexeitou, como a mellora da seguridade viaria na estrada que atravesa Bañobre e que conecta a Praia Grande e a N651 “por falta de fondos” ou a colocación dun paso seguro na vía de tren entre O Rabazal e Telle para mellorar a conectividade co CPI Castro Baxoi e a seguridade viaria da contorna “polo custo do mantemento”.