O BNG de Miño renova o Consello Local e marca como obxectivo as municipais de 2027
Henrique Abraira continúa na Responsabilidade Local destacando o inicio dunha etapa de consolidación na localidade
Miño, 3 de febreiro de 2025. O BNG de Miño anunciou a renovación do seu Consello Local, onde Henrique Abraira continúa á fronte da dirección local. Pecha así o proceso da XVIII Asemblea Nacional do BNG, onde Ana Pontón foi reelixida como Portavoz Nacional, e pon en marcha unha nova etapa que buscará consolidar o proxecto da formación nacionalista na vila.
O proceso foi definido como unha aposta pola continuidade do Consello Local saínte co fin de aproveitar a experiencia acumulada, o que levou á elección unánime de Henrique Abraira.
O reelecto responsábel local quixo destacar a importancia de “continuar co traballo realizado nestes últimos tempos”. “Foi unha época intensa, de moita actividade, na que conseguimos facer un rearme da organización na localidade e recuperar por fin a representación no Concello de Miño. Agora, iniciamos unha nova etapa de consolidación”, afirmou.
Entre as prioridades marcadas está a preparación das eleccións municipais de 2027, nas que o BNG aspira a ser unha forza decisiva que axude a mellorar a vida das miñesas e miñeses. “Temos que comezar a traballar xa para chegar a esa cita nas mellores condicións posibles. A veciñanza de Miño merece unha alternativa sólida e eficaz, que escoite á veciñanza de todas as parroquias e mellore a calidade de vida con máis e mellores servizos, mais sen esquecer o día a día”, declarou Abraira.
O novo líder local fixo fincapé en que a formación seguirá centrada no traballo social e na proximidade coa cidadanía. “O BNG estará onde sempre estivo: a pé de rúa, escoitando á xente e atendendo as súas necesidades. Somos a porta á que a veciñanza pode petar cando busca solucións reais”, afirmou.
Completan o novo Consello Local Tania Casás, Jonás Vidal, Isabel Gómez, Seila Barros e o voceiro municipal e tamén responsábel comarcal da organización nacionalista, Alberte G. Nicolás.