O BNG proporá que se lle dea o nome da mestra represaliada María Vázquez Suárez a un edificio público de Miño
Alberte G. Nicolás: “Este sería un paso moi importante no recoñecemento e dignificación das máis de 90 vítimas represaliadas polo franquismo no noso concello por defender a liberdade e a democracia”
Miño, 18 de setembro de 2024. O BNG proporá ao pleno que se lle dea o nome da mestra María Vázquez a un edificio público como recoñecemento e homenaxe. Na moción presentada, as nacionalistas propoñen a modificación do nome do CPI de Miño ou do Local Social da Rúa para homenaxear á mestra represaliada.
“María Vázquez Suárez, militante feminista e mestra no concello de Miño durante a República, foi firme defensora dos dereitos da muller e a defensa da súa participación na vida política, motivos polos que foi asasinada en 1936”, explicou o portavoz do BNG, Alberte G. Nicolás. “Este sería o primeiro paso no recoñecemento e dignificación das máis de 90 vítimas represaliadas polo franquismo no noso concello polo feito de defender a liberdade e a democracia”, engadiu.
“Entendemos que a memoria é necesaria, imprescindíbel como acto de reparación”, indicou o portavoz nacionalista. “Sería unha maneira de restaurar o pasado democrático do concello e reivindicar o dereito á verdade, á xustiza e á reparación das represaliadas e vítimas da barbarie fascista”, explicou Alberte G. Nicolás.
Transferencia da AP9 e canon de SOGAMA
O rescate e transferencia da AP9, acordo pendente de cumprir por parte do goberno do Estado, someterase tamén a debate no pleno ordinario do mes de setembro. Para as nacionalistas, a situación desta infraestrutura é “unha estafa legalizada” que no caso de Miño “tórnase fundamental para a conexión da veciñanza cos núcleos de Ferrol e A Coruña ao carecer dunha alternativa realista a falta de maior investimento na liña de tren”.
Por último, o BNG miñense defenderá unha moción contra a nova taxa de SOGAMA, que fará que a veciñanza de Miño teña que pagar máis polo recibo do lixo. Alén dunha subida da taxa polo tratamento do lixo, o BNG sinalou que o que tamén está a debate é o propio modelo. “O PP defende un modelo antiecolóxico, que queima e, por riba, é moi caro”, sinalou o voceiro nacionalista, Alberte G. Nicolás. “Pola contra, no BNG apostamos decididamente por un modelo respectuoso co medio ambiente, que cumpra coa normativa e que aposte pola reciclaxe, o que tamén repercutiría positivamente no peto das galegas e galegos”.