O BNG, só na defensa dunha residencia pública de maiores en Gallamonde

Alberte G. Nicolás: “O goberno municipal dicía compartir a nosa preocupación ante a falta dunha residencia pública na nosa comarca mais, cos seus votos, non parece que queiran atopar unha solución”
A formación nacionalista quixo poñer o foco sobre a necesidade de mellorar e aumentar os coidados das nosas maiores, fiado a unha esperanza de vida cada vez maior en Galiza, o que “é unha marabilla” mais “hai que engadirlle vida e benestar a eses anos”
Miño, 24 de febreiro de 2025. O BNG quedou só na defensa dunha residencia pública de maiores na antiga escola de Gallamonde, logo da abstención do PP e do voto encontra do grupo de goberno.
As nacionalistas lamentan a falta de consistencia nos argumentos do PSOE para non apoiar esta proposta, baseados na distancia entre a vila de Miño e a antiga escola e a falta dunha alternativa que serva como base do persoal de servizos e obras do Concello de Miño. “Bendito problema sería ter que atopar unha nova localización para o persoal de obras e servizos do Concello de Miño de aquí a 3 ou 4 anos, porque iso significaría que as nosas maiores poderían acceder a prazas públicas cerca do seu fogar”, replicou Alberte G. Nicolás aos argumentos de Emma González, voceira do PSOE.
Desde o BNG sinalan que esta proposta evitaría que o edificio, neste momento infrautilizado, puidese acabar en estado ruinoso ao darlle unha segunda vida. “Coa creación dunha residencia pública de maiores poderiamos ofrecer un servizo moi demandado e que a día de hoxe non existe na nosa comarca, nunha localización próxima ao núcleo de Miño”, sinalou o voceiro nacionalista. “A cal estaría ben comunicada, non só por situarse ao pé da N-651 ou contar cunha liña de autobús metropolitano con boas frecuencias, senón que o novo enlace coa AP-9 en tramitación polo Goberno do Estado tamén facilitaría o acceso de traballadoras e familiares que viñesen de visita”.
“Co seu voto, o PSOE pechou a porta a unha primeira interlocución coa Xunta de Galiza para achegar esta proposta”, lamentou o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás. “O goberno municipal dicía compartir a nosa preocupación ante a falta dunha residencia pública na nosa comarca mais, cos seus votos, non parece que queiran atopar unha solución”.
A formación nacionalista quixo poñer o foco sobre a necesidade de mellorar e aumentar os coidados das nosas maiores, fiado a unha esperanza de vida cada vez maior en Galiza, 86 anos para as mulleres e 81 anos para os homes, o que “é unha marabilla” mais “hai que engadirlle vida e benestar a eses anos”. “Se queremos garantir ese benestar, necesitamos unha rede de servizos públicos forte e non un gran negocio, porque moita xente acaba derivada a prazas privadas, con costes inasumíbeis para moitas persoas que poden chegar aos 2000€ ao mes”, expuxo Alberte G. Nicolás. “Entendiamos que o Concello de Miño tiña a oportunidade e, a Xunta de Galiza, os medios necesarios para que esta residencia puidese seu unha realidade mais parece que o PP e o PSOE non queren ver as necesidades que temos en Miño e no resto da comarca”, concluíu.