O BNG exixe ao Goberno do Estado desbloquear a renovación da estrada N-VI ao seu paso por Cortiñán
Néstor Rego: “O elevado transito diario que soporta, un deficiente deseño da sinalización viaria, a falta de beirarrúa ou senda peonil nalgún tramo, e o marcado deterioro onde as hai, son aspectos que urxe corrixir”
Bergondo, 4 de xuño de 2026. O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso relativa ao proxecto de renovación da estrada N-VI ao seu paso por Cortiñán (Bergondo), amplamente demandada pola veciñanza durante anos.
“A seguranza viaria é algo primordial, máxime nunha zona densamente poboada como esta da que estamos a falar, polo que non pode agardar máis, demandamos o desbloqueo inmediato desta actuación primordial para a seguridade”, expuxo Rego.
“Pouco antes das anteriores eleccións municipais de 2023, anunciouse a aprobación provisional do proxecto para esta mellora a “bombo e platillo”. Desde aquela nada máis se soubo sobre esta mellora, algo totalmente inconcibíbel, a pesares de ter preguntado en diferentes ocasións. Mentres, a veciñanza xógase o tipo a diario para poder cruzar”, indicou David Carro, portavoz municipal.
“O elevado transito diario que soporta, un deficiente deseño da sinalización viaria, a falta de beirarrúa ou senda peonil en algún tramo, e o marcado deterioro onde as hai, son aspectos que urxe corrixir e tres anos son máis que suficientes para resolver as alegacións e reactivar o proxecto”, concluíu o deputado nacionalista.