BNG reclama ao Goberno do Estado corrixir os defectos da N-VI após as obras realizadas en Guísamo
Nestor Rego: “a creación de vías de servizo fixo que moitos condutores utilicen estes como carril de adiantamento e, aínda que teñen limitada a velocidade, superan o límite. Compre tomar medidas con urxencia para que o entorno sexa seguro”
Bergondo, 21 de novembro de 2025. O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego, vén de presentar novas iniciativas para urxir o Estado a que corrixa diversos defectos detectados logo das últimas obras executadas para eliminar o punto negro do coñecido como cruce de Ferrol, recollendo distintas inquedanzas da veciñanza da zona.
"As vivendas máis próximas a zona onde se executou a rotonda e que sufriron desperfectos seguen sen ter resposta do Ministerio, algo incomprensíbel a estas alturas, cando unicamente piden que as súas propiedades queden como estaban antes", indicou o portavoz municipal nacionalista David Carro.
Por outra banda, a creación de vías de servizo fixo que moitos condutores utilicen estes como carril de adiantamento e, aínda que teñen limitada a velocidade, superan o límite "tanto en subida como en baixada, esta práctica creou un problema importante de seguridade para entrar e saír das vivendas, ou para as persoas usuarias e traballadoras da escola infantil situada na marxe da estrada. Compre tomar medidas con urxencia para que o entorno sexa seguro, tendo en conta especialmente que se moven moitos nenos e nenas de curta idade", sinalou Rego.
Asemade, as obras tamén eliminaron un bo número de prazas de estacionamento, quedando o sentido de subida sen ningún, onde máis se precisan. "Instamos ao Ministerio a buscar unha solución e dotar de estacionamento a esta zona, por exemplo, aproveitando o terreo que queda na actualidade entre os peches das parcelas e a beirarrúa", expuxo Carro.
Desde o BNG tamén inciden no aspecto da humanización ao sinalar que "a estrada N-VI atravesa o centro de Guísamo, mais o que debía ser unha zona humanizada e amábel para as persoas converteuse nunha vía rápida". "Instamos o Goberno do Estado a buscar unha alternativa a medianeira de formigón que afea o entorno así como a impulsar outras medidas para facilitar o tránsito, poder cruzar a vía con seguranza, e humanizar esta zona, un dos centros neurálxicos de Bergondo", concluíu Rego.