O BNG busca o apoio da Xunta de Galiza para o Club de Remo Olímpico do Mandeo
David Carro: “Custa crer a pouca receptividade e sensibilidade que amosa o goberno municipal nesta cuestión, sobre todo cando había propostas cun gasto mínimo para as arcas municipais”
A última proposta do BNG consiste na creación dun parque de botes na marxe da ría, como medida parcial, ao tempo que se insta ao Concello a desbloquear a construción dunha instalación que dea cabida a esta e outras entidades da contorna.
Bergondo, 25 de setembro de 2025. A deputada do BNG, Mercedes Queixas, vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego instando a Xunta de Galiza a prestar apoio ao Club de Remo Olímpico do Mandeo, que acaba de quedar sen as instalacións privadas que, malia a súa precariedade, viñan cubrindo parte das necesidades da entidade.
As nacionalistas poñen de relevo que este club, fundado hai máis de dez anos no Pedrido, colleita con esforzo e compromiso grandes éxitos deportivos, contando cun amplo medalleiro e levando o nome de Bergondo e Galiza polo mundo. Porén, esta boa labor contrasta coa falta de infraestruturas adecuadas, que dificultan cada vez máis os adestramentos e a preparación das competicións, limitando o crecemento dunha entidade que promove o deporte base e a participación da mocidade.
"O club leva anos solicitando apoio para poder contar cunhas instalacións axeitadas”, advertiu Queixas, quen subliñou “que agora é unha urxencia, pois tiveron que abandonar a parcela privada que ocupaban e vese desamparado".
Desde o BNG de Bergondo sinalan que, tanto o Olímpico do Mandeo como o BNG, “fixemos diferentes propostas” e sempre “atopamos un non por resposta do goberno municipal”. “Resulta incomprensíbel a falta de receptividade e sensibilidade do executivo local, sobre todo cando había propostas cun gasto mínimo para as arcas municipais”, lamenta o portavoz municipal nacionalista, David Carro.
Entre estas propostas, o BNG defende a creación dun parque de botes na marxe da ría, como solución parcial, ao tempo que se insta ao Concello a desbloquear a construción dunha instalación que dea cabida ao Olímpico do Mandeo como a outras entidades da contorna. “O club de remo, ao igual que outras entidades, sempre contou co apoio do BNG e seguirá contando até conseguir o obxectivo de poder desenvolver a súa actividade con dignidade", indicou Carro.
"Escudarse en que o club xa sabía das dificultades cando apostou por instalarse no Pedrido non é a mellor maneira de buscar solucións en positivo que ao final é do que se trata. Sobre todo se temos en conta que estamos a falar dunha entidade que fai un inmenso traballo polo deporte de base e os seus valores, pola promoción de Bergondo e pola nosa mocidade", concluíu Carro.
O BNG quixo reiterar o seu compromiso co Club de Remo Olímpico do Mandeo e co conxunto do deporte base en Bergondo, defendendo que “as institucións teñen que estar á altura do esforzo e dos valores que representan estas entidades”.