O BNG propón crear un local de ensaio en Bergondo e renovar a praza de Guísamo

O BNG propón crear un local de ensaio en Bergondo e renovar a praza de Guísamo

Bergondo, 8 de agosto de 2025. O BNG propuxo no pleno do pasado xoves a creación dun local de ensaio na antiga Cámara Agraria. “O alumnado do CPI Cruz do Sar participa nunha actividade de música moderna que esperta un gran interese entre a mocidade da nosa veciñanza. Dela xa saíron grupos musicais e mesmo algún alumno chegou a participar en programas televisivos, acadando un éxito importante. Porén, para desenvolver a súa creatividade vense obrigados a desprazarse a outras localidades”, explicou o portavoz municipal do BNG, David Carro.

Segundo Carro, “a creación dun local de ensaio sería unha alternativa formativa e de lecer para a mocidade, fomentando os valores da música e promovendo a cultura desde o ámbito local. Ademais, daríase uso a un espazo público actualmente en desuso”. A proposta tamén incluía a integración deste espazo na rede galega de locais de ensaio impulsada polo BNG na súa etapa na Xunta, para beneficiarse das vantaxes de formar parte desta iniciativa.

A proposta foi aprobada cos votos favorábeis de BNG e PP, e coa abstención dos grupos do goberno local. Desde Alcaldía argumentaron que o local pertence á Xunta e que, por motivos legais non especificados, non podía ser cedido ao Concello por un período máis longo. Indicaron que valoraran a súa compra, pero que o prezo resultaba “desorbitado”.

“O BNG propuxo modificar o acordo para instar ao goberno local e á Xunta a negociar unha solución, como por exemplo un convenio de colaboración. Con todo, o goberno local rexeitou comprometerse, preferindo poñerse de perfil coa abstención dos grupos que o conforman (PSOE-AV)”, concluíu o voceiro nacionalista.

Renovación e humanización da praza de Guísamo

A instancias do BNG, o pleno tamén debateu unha proposta para renovar e humanizar a praza pública de Guísamo e a contorna do centro de saúde, un dos principais puntos de encontro do concello.

“Desde 2019 vimos solicitando por diferentes vías a mellora desta zona. Tras a súa creación nos anos 90 e décadas de falta de mantemento, a súa situación é deficiente: iluminación insuficiente na polideportiva, losetas rotas, pavimento levantado, sucidade, escaseza de mobiliario urbano e caídas constantes na entrada do centro de saúde. Non é admisible que unha das zonas máis céntricas e transitadas do concello presente este estado. Debe ser un espazo humanizado e amábel para as persoas”, denunciou Carro.

Segundo o portavoz do BNG, “tras seis anos de peticións, o goberno local enmendou o acordo para baleiralo de contido, asegurando que xa están a traballar nel, pero sen presentar sequera un boceto, pedindo un acto de fe”.

“O goberno local di que está a traballar en todo, pero non vemos resultados. E non o di só o BNG: tamén o amosan os datos da conta xeral de 2024, cun superávit de case 2,5 millóns de euros e un remanente total de 8,5 millóns. Isto evidencia unha clara falta de proxecto e de xestión: non saben que facer cos recursos que teñen mentres hai parroquias enteiras sen saneamento, queixas pola limpeza viaria, escaseza de infraestruturas deportivas e culturais e nin sequera contamos cunha verdadeira biblioteca municipal”, concluíu Carro.

O BNG propón crear un local de ensaio en Bergondo e renovar a praza de Guísamo