O BNG propón acordar coa Xunta de Galiza o uso do Complexo Xuvenil As Mariñas polo Concello e o tecido asociativo
Bergondo, 2 de decembro de 2025. O pleno de novembro aprobou a moción do BNG para que o Concello e a Xunta de Galiza negocien un convenio de uso do Complexo Xuvenil As Mariñas, que inclúe o albergue de Gandarío e o coñecido como o da "Mariña Española", por parte do Concello e o asociacionismo local que lle poida interesar.
"Temos unhas instalacións de primeiro nivel, unha xoia, con varios pavillóns para pasar a noite, instalacións adaptadas, pistas polideportivas, anfiteatro, laboratorios, comedor ao aire libre, zona de acampada, piscina, salas de reunións... instalacións que a maior parte do ano están infrautilizadas e as que se lles pode quitar maior partido", indicou o portavoz do BNG, David Carro.
"Por que o Concello ou o tecido asociativo non pode facer uso destas instalacións públicas localizadas no noso municipio? Ou por que se lles nega o uso cando nestas non hai actividades da Xunta?, preguntouse Carro.
A proposta saíu adiante unicamente cos votos do BNG e a abstención do resto de grupos, pese a estar de acordo co fondo da proposta.
Rexeitamento a uns orzamentos para 2026 sen proxecto para Bergondo
No mesmo pleno debateuse a aprobación inicial dos orzamentos municipais para o ano 2026, proposta que non contou co apoio do BNG. "O goberno local segue incidindo nun modelo que non funciona e continúa sen unha previsión para cubrir as necesidades da veciñanza de Bergondo", sinalaba David Carro. "Este é un concello con recursos, mais o tándem do goberno do PSOE e Alternativa dos Veciños é incapaz de facer unha boa xestión, acumulando un remanente millonario nas contas municipais mentres a veciñanza ve como hai obras necesarias sen levar a cabo ou novos e mellores servizos que non chegan", concluía o portavoz municipal do BNG.
O BNG tamén incidiu na necesidade de corrixir o proceso de orzamentos participativos, fomentando de verdade que a veciñanza achegue propostas. Neste senso, Carro sinalaba que "cada ano o goberno municipal recoñece que este proceso é mellorábel, mais non existe unha vontade real de mudalo". E lamentaba que sexa o propio goberno o que "siga incidindo no mesmo proceso, sen aclarar quen analiza a viabilidade das propostas, quen decide que proposta é mellor que outra ou cales son os criterios de inclusión". As nacionalistas tamén sinalan que as xuntanzas nas parroquias foron eliminadas e que aínda hai obras de anos anteriores sen executar, o que dificulta a participación e mesmo resta que as veciñas e veciños acheguen novas propostas, xa que na práctica o goberno municipal non atende as demandas directas da veciñanza.
"En definitiva, estas contas non traen novidades nin resolven as problemáticas xa existentes, non se executan acordos plenarios, e non contaron coas propostas que lles trasladamos, moitas das cales repítense ao longo dos anos, toda vez que non contan con vontade de levalas a cabo. Estas contas non son as do BNG, nin tampouco deron a oportunidade de facer achegas, polo que non poden ter o noso aval", concluíu Carro.