Melloras no abastecemento de auga, proposta do BNG para o próximo pleno de Bergondo

David Carro: “Cremos necesario que a Corporación tome posición e que cada administración ou organismo con competencias na materia se comprometa a realizar o que lle corresponda, con prazos concretos, para ter un servizo óptimo e de calidade”

Melloras no abastecemento de auga, proposta do BNG para o próximo pleno de Bergondo

Bergondo, 22 de setembro de 2025. O BNG presentará unha proposta no pleno de setembro para que o Concello de Bergondo traslade ás diferentes administracións e organismos públicos implicados no abastecemento de auga a preocupación pola situación que se produciu este verán. Está preocupación está motivada pola falta de garantía do subministro mentres o embalse estaba a unha capacidade óptima, arredor dun 80%, por iso instamos a buscar unha solución con urxencia e negociar entre todas as administracións con responsabilidade neste servizo a súa execución con inversións e prazos concretos.


"Hai tempo que a veciñanza se queixa da calidade da auga que recibe nas súas vivendas, episodios de turbidez en calquera momento, falta de presión... algo que se incrementa no verán cando a poboación aumenta.  A maiores, este ano saltou a alarma coa posibilidade dunha insuficiencia para o subministro. Isto non pode pasar cun servizo básico como o abastecemento de auga", indicou David Carro, portavoz municipal nacionalista.


"Estando o embalse ao 80% de capacidade, como nos poden dicir que non esta garantido o subministro? Especúlase coa necesidade dun novo deposito que Bergondo, Sada, Oleiros e Cambre hai tempo que demandan. Fálase de posibles fugas nas redes ou da necesidade de melloras na rede de tubaxes. Compre analizar ben e con urxencia cal ou cales son os problemas a corrixir e facelo con axilidade, para que esta situación non volva a producirse con algo tan básico como a auga",  expuxo Carro.


"Por iso, cremos necesario que a Corporación tome posición e que cada administración ou organismo con competencias na materia se comprometa a realizar o que lle corresponda, con prazos concretos, para ter un servizo óptimo e de calidade", concluíu voceiro do BNG.

Melloras no abastecemento de auga, proposta do BNG para o próximo pleno de Bergondo