BNG reclama actuacións na N-VI en Bergondo

Co obxectivo de mellorar a seguranza viaria peonil e rodada, Néstor Rego demanda ao Ministerio de Transportes executar as obras necesarias en distintos puntos do concello

Actuar no cruzamento da estrada de Ferrol á altura de Guísamo, instalar unha pasarela peonil no lugar de Bos, implantar un semáforo na zona centro e comercial, resolver as inundacións en Guísamo: algunhas das actuacións demandadas

BNG reclama actuacións na N-VI en Bergondo
Madrid, 2 de xullo de 2025. O deputado do BNG no Congreso rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado acometa as actuacións pendentes de executar na N-VI ao seu paso polo termo municipal de Bergondo. Entre as máis urxentes, sinala Néstor Rego, encóntranse a instalación da pasarela peonil en Bos, implantar un semáforo na zona centro e comercial, solucionar os problemas no cruzamento da estrada de Ferrol ou solucionar os problemas de inundacións en Guísamo, así como as medidas para a mellora da seguranza viaria na ponte da AP-9.

Entre as intervencións sinaladas como prioritarias, Rego destaca a instalación dunha pasarela peonil no lugar de Bos, na parroquia de Guísamo, unha demanda histórica da veciñanza, do persoal do polígono industrial da zona e do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA). Trátase dunha zona con moito tránsito peonil e dúas paradas de autobús, onde cruzar a estrada supón un risco constante. A pesares de levar en estudo por parte do Ministerio desde 2018, a única resposta obtida ata o de agora foi a de que se está a analizar “a necesidade desde un punto de vista técnico e funcional”.

“Non abonda con estudar. É hora de actuar”, reclama o deputado nacionalista, que insta o Ministerio de Transportes a “materializar dunha vez esta infraestrutura fundamental para garantir a seguranza das persoas”.

Outro dos puntos sinalados é a zona centro e comercial de Guísamo, en que existe un paso de peóns sen regulación semafórica, con sinalización deficiente e onde se producen accidentes con frecuencia. “Non se pode seguir agardando a que haxa vítimas para tomar medidas” afirma o voceiro do BNG no Concello de Bergondo. David Carro lembra que o propio Ministerio recoñeceu nunha resposta escrita do deputado do BNG en xullo de 2024 que se realiza un seguimento da seguranza viaria peonil e rodada e que, no caso de seren necesarias, se proporán actuacións. “Pois ben, os feitos demostran que son necesarias: agora toca concretar medidas” evidencia Carro.

O BNG tamén chama a atención sobre a problemática das inundacións recorrentes na N-VI ao seu paso por Guísamo, fóra da zona de obras da nova rotonda. En episodios de choiva intensa, a estrada anégase, afectando vivendas, propiedades e mesmo a circulación de vehículos, que se ve gravemente comprometida pola forza da auga. A formación nacionalista pregunta ao Ministerio sobre se recibiu algunha solicitude de colaboración do Concello de Bergondo para transformar este tramo en travesía e solucionar esta problemática, posto que na última resposta oficial, en setembro de 2024, o Goberno afirmaba “non ter constancia de inundación algunha”.

“É incomprensíbel que, despois de anos sufrindo esta situación, o Ministerio non teña información, nin planificación ningunha para resolvela” critica David Carro, exixindo un proxecto integral que resolva definitivamente o problema.

Por último, o deputado do BNG insiste na necesidade de mellorar as condicións da ponte da AP-9 ao seu paso baixo a N-6 en Guísamo, unha infraestrutura que, segundo advirte, “non cumpre cos estándares mínimos de seguridade para o tránsito peonil”. O espazo para peóns é tan reducido que non permite cruzar dúas persoas ou o paso dun carriño de bebé, de compra ou unha cadeira de rodas. “As persoas vense obrigadas a camiñar pola beiravía, asumindo un risco inaceptábel” sinala Rego, quen reclama ao Ministerio que concrete as actuacións a levar a cabo tras o estudo anunciado en setembro de 2024 sobre os itinerarios peonís na zona.

“O que demandamos é vontade política para avanzar nestes proxectos fundamentais para a seguridade da veciñanza. As obras non poden quedar no caixón mentres se multiplican os accidentes ou as situacións de risco” conclúe o deputado nacionalista.

BNG reclama actuacións na N-VI en Bergondo