O BNG leva ao Parlamento o estado deplorábel da AC-161 ao seu paso por Bergondo
Bergondo, 30 de maio de 2025. A deputada do BNG Mercedes Queixas urxiu a Xunta de Galiza a renovación da estrada AC-161 ao seu paso por Bergondo que presenta un estado deplorábel.
"Esta estrada, unha das principais arterias de comunicación de Bergondo con Sada e Betanzos, e que atravesa núcleos de gran entidade como
Gandarío, San Cidre ou Carrio, leva tempo nun estado lamentábel sen que se teña tomado ningunha medida para o seu correcto mantemento por parte da Xunta, titular da vía", indicou Queixas.
"Ao longo do traxecto podemos atopar múltiples fochancas, roturas ou unha deficiente sinalización, o que pon en perigo a seguridade vial das persoas que transitan pola mesma, que non son poucas dado que dende esta estrada derivase o trafico, por exemplo, ao CPI Cruz do Sar, ao complexo sociocultural da Senra ou ao Pazo de Mariñán", expuxo o portavoz municipal David Carro.
"O estado do firme, sobre todo desde a rotonda onde conflúe esta coa AC-164 até o límite con Betanzos, pasos de peóns insuficientes, falta de
mantemento dos existentes e a súa escasa visibilidade, ademais da excesiva velocidade a que circulan algúns vehículos por esta zona fan que sexa de imperiosa necesidade revisar o estado desta vía no seu conxunto, así como a adopción doutras medidas como bandas redutoras de velocidade ou pasos de peóns sobreelevados para garantir a seguridade viaria", concluíu a deputada nacionalista.