A mellora da mobilidade centra as propostas do BNG para os orzamentos municipais 2026
David Carro: "Incidimos na implantación dunha liña de transporte interparroquial, ou no seu defecto outras propostas achegadas pola redactora do PMUS"
Nas achegas do BNG inclúense tamén outras xa aprobadas en pleno e non executadas, como o servizo de xantar na casa, a promoción e posta en valor do sector da panadaría e pastelaría locais ou a construción dunha piscina e ximnasio municipais
Bergondo, 7 de novembro de 2025. O BNG de Bergondo presentou as súas propostas aos orzamentos municipais para o 2026 con especial fincapé na mellora da mobilidade. "O aspecto central das propostas para 2026 é unha rede de sendas peonís nas diferentes parroquias, para que, tendo en conta as previstas e as que están en execución, cada parroquia teña unha e que vaian enlazando", indicou o portavoz municipal David Carro. "Asemade, incidimos na implantación dunha liña de transporte interparroquial, ou no seu defecto outras propostas achegadas pola redactora do PMUS", expuxo Carro.
Outra novidade nas propostas do BNG é a creación dunha comunidade enerxética local, "segundo o Goberno Local, hai máis dun ano que traballan nela pero non soubemos de máis avances. Outros concellos máis pequenos xa as puxeron en marcha e Bergondo non pode quedar atrás", detallou o voceiro nacionalista.
Nas achegas do BNG inclúense tamén outras xa aprobadas en pleno e non executadas, como o servizo de xantar na casa, a promoción e posta en valor do sector da panadaría e pastelaría locais ou a construción dunha piscina e ximnasio municipais.
"Incidimos igualmente noutras reivindicacións históricas non atendidas por un aletargado Goberno Local, como adquirir terreos para equipamentos, renovar a praza e o entorno do centro de saúde de Guísamo, reducir o coste do servizo de comedor das escolas unitarias, conveniar a creación de aparcamento na Senra e Guísamo aos que lle sumamos O Pedrido, construír un local para o club de remo e outras asociacións no Pedrido, pictogramas de sinalización visual nos edificios municipais para persoas con diversidade funcional, ou unha partida especifica para o polígono industrial", detallou Carro.
En materia económica, o BNG achega dúas propostas, como facerse cargo dalgún baleirado de fosas sépticas para as vivendas que aínda non contan con saneamento, e modificar o ICIO para bonificar a restauración de vivendas, para contribuír dende o ámbito local a dar solución a problemática habitacional.
Outras propostas do grupo nacionalista son a adecuación dos locais sociais de Vixoi, Cortiñán, e Fiobre; construción dun pumptrack; adaptar os parques infantís que faltan; renovación das polideportivas de Cortiñán e Bergondiño; creación dun observatorio de aves no Xuncal; saneamento na Fraga (Cortiñán) e rematar o de Rois; ou habilitar a unitaria de Cortiñán como vivenda de emerxencia social.