O BNG acusou ao PP na Xunta de non cumprir as súas promesas cos concellos das Mariñas
As nacionalistas acusaron ao PP de facer electoralismo con cartos públicos, “priorizando non as necesidades máis urxentes da veciñanza, se non as propostas dos concellos da súa cor política”
Alberte G. Nicolás: “Estes orzamentos non dan resposta aos problemas históricos da nosa comarca. Só vemos puro continuísmo e incumprimentos continuos do goberno da Xunta que non cubre as necesidades das nosas veciñas e veciños”
Betanzos, 24 de outubro de 2025. O BNG acusou ao PP na Xunta de non cumprir as súas promesas para os concellos da comarca das Mariñas. “Estes orzamentos non dan resposta aos problemas históricos da nosa comarca. Só vemos puro continuísmo e incumprimentos continuos do goberno da Xunta que non cubre as necesidades das nosas veciñas e veciños”, criticou o responsábel comarcal do BNG, Alberte G. Nicolás.
As nacionalistas acusaron ao PP de facer electoralismo con cartos públicos, “priorizando non as necesidades máis urxentes da veciñanza, se non as propostas dos concellos da súa cor política. As escasísimas propostas de gasto do goberno do PP na Xunta na nosa comarca son para o concello de Abegondo e Oza-Cesuras, deixando todo o resto de concellos sen atender e as promesas e compromisos do goberno galego sen cumprir”, engadiu o responsábel do BNG.
Falta de orzamento para o saneamento integral da Ría de Betanzos
O BNG lamentou que os orzamentos da Xunta "adíen un ano máis a solución ao grave problema de contaminación que padece a ría de Betanzos". “Non aparece partida reservada para a, tan demandada, depuradora en Paderne, un ano máis aínda que o goberno galego sabe que é un infraestruta imprescindíbel para garantir a calidade da auga da Ría de Betanzos”, indicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
Necesidades en atención as persoas maiores sen cubrir
Neste sentido, a deputada do BNG lamentou que “este ano tampouco hai fondos para construír un centro de día público nin un xeriátrico nunha comarca que carece dunha soa praza de xeriátrico pública”. O BNG sempre defendeu que Xunta, Estado e Concello se puxeran de acordo para rehabilitar o antigo ambulatorio de Betanzos como centro de día público.
Ensino público
Desde o BNG cuestionan que tampouco haxa cartos para melloras no CPI Castro Baxoi de Miño, comprometidas hai anos polo PP na Xunta e nin sequera unha partida para contratar o proxecto dun novo IES en Miño, promesa do Partido popular na campaña das eleccións municipais. “Nun concello que medra en poboación e no que aumentan ano a ano as necesidades en servizos básicos como ensino, servizos sociais ou sanidade a previsión de investimento da Xunta é inexistente, nin un só euro”, criticou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
Sen partida para a rehabilitación do Pasatempo ou Casco Histórico de Betanzos
O mesmo sucede con Betanzos, para o que non se recolle un só euro en investimento territorializado nin para vivenda, nin para posta en valor do seu inmenso patrimonio ou para servizos básicos, ou con Bergondo que tampouco conta con investimento para resolver o problema de depuración no polígono nin para outras obras demandadas polo BNG como a recuperación do antigo edificio do LIGAL para un centro de transformación agrario e un viveiro de empresas.