O BNG celebrará mañá un encontro sobre a vaga de lumes que asolou o país este verán e as alternativas do BNG sobre políticas forestais
Alberte G. Nicolás: “Estes lumes deben ser un punto de inflexión co que mudar o rumbo para afrontar unha recuperación ambiental real, cambiar a política forestal e desenvolver un novo modelo de monte, revitalizar o rural e poñer en marcha unha política de prevención dos lumes estrutural e eficaz”
Betanzos, 23 de outubro de 2025. O BNG celebrará mañá venres 24 de outubro ás 19.30h, do no Salón Azul do Liceo de Betanzos un encontro sobre a vaga de lumes que asolou o país este verán e as alternativas do BNG sobre as políticas forestais, ambientais e de desenvolvemento rural de Galiza.
O acto estará moderado polo responsábel comarcal do BNG das Mariñas, Alberte G. Nicolás e contará coa intervención de Montse Valcárcel, doutora en enxeñaría agrónoma, e Secundino Fernández, exeñeiro de montes e técnico agrícola e deputados do BNG no Parlamento de Galiza.
“Estes lumes deben ser un punto de inflexión co que mudar o rumbo para afrontar unha recuperación ambiental real, cambiar a política forestal e desenvolver un novo modelo de monte, revitalizar o rural e poñer en marcha unha política de prevención dos lumes estrutural e eficaz”, explicou o responsábel comarcal do BNG, Alberte G. Nicolás.
Desde o BNG, presentan este acto como unha reflexión para avanzar cara unha xestión forestal adecuada, un monte ordenado e un rural vivo e produtivo cos que poñer freo á proliferación e os efectos dos incendios forestais. “O despoboamento do rural, que non haxa actividade agrogandeira e que a única actividade forestal que se promova sexa o monocultivo de pirófitas mal xestionadas, unido a unha biomasa descontrolada, fan que teñamos quilómetros e quilómetros de combustible continuo”, indicou Alberte G. Nicolás. “Ou revitalizamos o rural con empresas ligadas ao territorio e que o respecten ou estaremos abocados ao que está sucedendo agora mesmo”, concluíu.