O BNG reclama a paralización da ampliación da subestación de Abegondo e denuncia unha vez máis a ausencia de planificación enerxética

Para o BNG, a realidade que se está a dar coa subestación de Abegondo é un exemplo máis do caos que sofre Galiza nesta materia, con proxectos que se multiplican cada día sen planificación estratéxica, sen avaliación global de impactos e deixando en situación de indefensión á veciñanza afectada.

O BNG reclama a paralización da ampliación da subestación de Abegondo e denuncia unha vez máis a ausencia de planificación enerxética

Betanzos, 5 de setembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego presentou a semana pasada alegacións contra o proxecto de ampliación da subestación de Abegondo, sometido a información pública o pasado 14 de xullo de 2025, “cando nin sequera conta cunha autorización definitiva a subestación inicial proxectada en 2023”.

O BNG lembra que xa en outubro de 2023 presentara alegacións contra a nova subestación “SE 400/220 kV Abegondo” sen obter resposta ningunha até o momento. Agora, sorprendentemente, o Estado volve abrir un proceso de información pública para a súa ampliación, cando o proxecto aínda está en tramitación e sen resolver as alegacións veciñais, sociais e institucionais formuladas ao proxecto inicial.

Para o BNG, a realidade que se está a dar coa subestación de Abegondo é un exemplo máis do caos que sofre Galiza nesta materia, con proxectos que se multiplican cada día sen planificación estratéxica, sen avaliación global de impactos e deixando en situación de indefensión á veciñanza afectada. As nacionalistas volven incidir en que “o boom eólico impulsado man a man entre Estado e Xunta de Galiza responde unicamente aos intereses das grandes eléctricas, sen ter en conta nin o equilibrio territorial nin a protección do patrimonio natural e cultural”.

Cómpre lembrar que a oposición á subestación de Abegondo remóntase xa a 2016 e que desde aquela contou co rexeitamento de numerosos colectivos, da veciñanza, do propio Concello de Abegondo e mesmo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O BNG reitera que non está en contra da enerxía renovábel, senón contra o modelo “que intentan impoñer os poderes políticos ao servizo das grandes corporacións”. O nacionalismo galego defende unha política enerxética ao servizo da cidadanía, que xere riqueza e emprego no país, que limite o impacto ambiental e social e que respecte as necesidades do territorio.

O BNG moverá ficha no Congreso e no Parlamento galego

O BNG anuncia que levará esta cuestión ao Congreso e ao Parlamento de Galiza para reclamar a denegación da autorización da subestación e tamén do Parque Eólico Seixo, proxecto directamente vinculado a estas infraestruturas e situado moi próximo.

Ante esta situación, o BNG reclama ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a denegación inmediata da autorización do Parque Eólico Seixo, así como a paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación até que exista unha planificación estratéxica elaborada en colaboración coa Xunta de Galiza e baseada en criterios de racionalidade, equilibrio territorial e respecto polo medio e o patrimonio.

O BNG reclama a paralización da ampliación da subestación de Abegondo e denuncia unha vez máis a ausencia de planificación enerxética